A secretaria xeral do PP Provincial de Pontevedra, Luisa Piñeiro, acompañada da conselleira de Política Social, Fabiola García, solicitoulles este mediodía aos veciños de Moaña un “apoio masivo” a Alfonso Rueda e ao Partido Popular nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro, “xa que, sen dúbida, somos a mellor opción fronte a un Bloque que, como se ve neste concello, saca o peor da política e só busca enfrontamentos e confrontación e nunca solucións para os veciños”.
Luisa Piñeiro, xunto á candidata moañesa Iria Charlín e o portavoz do PP local, Javier Carro, lembrou que o compromiso do PP con Moaña “é medible e non opinable”, xa que cifrou os investimentos da Xunta nesta lexislatura en 40.615.517 euros en infraestruturas, achegas municipais para obras e servizos e axudas para actuacións nos sectores da empresa, o comercio, a hostalería e, por suposto, o mar. Ademais, fixou como obxectivo para o mandato 2024-2028, en caso de que o PP revalide o Goberno galego, “a superación desta alta cifra que, cómpre lembrar, que supón unha media superior aos 10 millóns de euros anuais e máis de 500 euros por habitante cada exercicio”.
A secretaria xera abordou tamén a implicación e o compromiso do Partido Popular cun sector tan estratéxico e identario para Moaña como é o do mar e lamentou fondamente “os ataques, críticas e abandono de PSOE e BNG, que só se preocupan del cando salta algunha cuestión coa que poden sementar a polémica para tratar de rabuñar algún voto, pero que, á hora da realidade, nunca respaldan as súas necesidades e sempre están contra os seus intereses, como se viu no arrastre, a mexilla ou o recente vertido dos pélets, fronte ao que non lle doeron prendas en emprender unha campaña de críticas e desprestixio dos nosos produtos do mar motivando unha caída das vendas que afectou moito a Moaña e outros concellos costeiros, pero eles só quería réditos electorais, non axudar á nosa xente do mar”.
Neste senso, destacou que o PP, como se demostrou ao longo destes anos desde a Xunta, “sempre estamos escoitando, atendendo e achegando solucións e axudas ante as cuestións máis complexas, porque o mar é marabilloso pero plantexa moitas dificultades porque é indomable e nunca sabes o que che vai deparar”. “Pero en todo caso, para o PP o sector do mar ten unha gran importancia e nos
identifica, e especialmente nun sitio como Moaña que é un santuario do mar, polo que, cos nosos acertos e erros, sempre estamos e sempre estaremos ao seu carón, que é algo que deben saber os veciños de Moaña e actuar en consecuencia, apoiando a Alfonso Rueda, nas eleccións do 18 de febreiro”, concluíu.