“Moito nos tememos que o problema vaise a agravar coa chegada do mal tempo e as chuvias e este goberno segue actuando como se o asunto non fora con eles” afirman
O Partido Popular de Cangas reclama ao tripartito que cumpra o acordo plenario no que se instaba ao goberno local a tramitar expedientes contra a empresa concesionaria do servizo municipal de saneamento polas constantes verteduras de augas fecais. Fai uns días foi a propia confraría de pescadores de Cangas a que denunciaba un novo vertido no entorno da zona portuaria e reclamaba que se tomaran medidas. Onte a veciñanza de Aldán volveu a ver como, coas fortes chuvias, se volveu a aliviar residuos fecais ao río Orxas.
Dende o grupo maioritario sinalan que coa chegada do mal tempo o máis probable é que este problema se agrave e critican a actitude do goberno municipal, “a complicidade de goberno e empresa é evidente, o goberno ten unha actuación máis propia dun socio comercial que de administración competente na materia” afirman.
“Parece que o asunto non vai con eles” engaden. “A sra. Malvido xa dixo na última sesión plenaria que confiaba plenamente na xestión da empresa e nestes últimos días volvimos a comprobar o ben que o están a facer con novas verteduras” continúan. “Non queren entender que non se trata dunha petición do PP de Cangas, é unha reclamación do conxunto da veciñanza á cal este goberno continúa negándose a cumprir” insisten. “Hai un acordo plenario, deberían respectar o manifestado pola representación democrática dos veciños e veciñas de Cangas, aínda que non lles guste e votaran en contra” rematan.
Naves de Ojea
Os populares responden a concelleira de Obras Iria Malvido que a diferencia do seu grupo, “o Partido Popular de Cangas débese a Cangas, a nada máis”. “Por iso sempre defendemos o que consideremos de interés para a veciñanza, sexa a administración que sexa” declaran. “O que pretende a sra. Malvido é confundir á veciñanza para ocultar a falta de sensibilidade da súa formación coas peticións da nosa vila” continúan. “É evidente que revertir non é o mesmo que ceder uns terreos” destacan, “polo que a nós respecta non ten ningún sentido que o Concello asuma unhas obras nos terreos doutra administración, por moito que as ceda por uns anos, para que depois pase de novo a esa administración, en mellor estado e sen gastar un euro nos mesmos” argumentan. “A sra. Malvido entendería mellor isto se foran titularidade da Xunta de Galicia ou desde maio tamén da Deputación de Pontevedra” ironizan, “polo que parece, prima máis a cor de quen xestiona que o interés xeral de Cangas” lamentan.
“De que sirve que Portos de Galicia decida desafectar algúns terreos na nosa vila se obrigatoriamente éstes deben pasar a Costas e sería Costas a que ten que revertilos ao Concello?” cuestionan. “E curioso contemplar a actitude complaciente da sra. Malvido e o resto do goberno cos seus compañeiros de Madrid cando están actuando contra unha demanda unánime” declaran. “Á vista da actuación do organismo estatal coas Naves de Ojea, non confiamos en que revirtan eses terreos e por iso entendemos, que nese caso, é mellor para Cangas que continúen sendo de titularidade da entidade pública que polo menos inviste na nosa vila” rematan.