Presenta unha moción na que reclama ao tripartito que se actúe na reparación deste espazo municipal e que se dote de contido e actividades para á mocidade
O Partido Popular de Cangas presentou unha moción para ser debatida no vindeiro Pleno da Corporación Municipal na que denuncia o estado que presenta os espazos da Casa da Xuventude do que xa alertou Morrazo Noticias. Os populares poñen especialmente o foco na sala que estaba anteriormente adicada á ludoteca que presenta moitos desperfectos tanto no chan como nas paredes o que fai imposible desenvolver actividades na mesma.
Desde o grupo maioritario da corporación recordan que foi a súa formación a que no 2004 dotou dunha nova funcionalidade á antiga Casa do Concello da vila mediante unha reforma integral que permitiu reconvertila na Casa da Xuventude municipal. “Sen embargo, froito da absoluta falta de mantemento vemos como este espazo leva varios anos vivindo un agresivo proceso dedeterioro que está impedindo que se densenvolvan actividades con normalidade” explican, “unha situación que repercute negativamente tanto nos usuarios como nos propios traballadores municipais” engaden,
A formación reclama no seu escrito que desde o goberno municipal se proceda a realizar unha inspección por parte de técnicos municipais que permita concretar cales son os traballos necesarios para revertir está situación así como a execución dos mesmos. “Unha vez que finalicen estas actuacións é necesario dotar de novas ferramentas e de actividades dirixidas á mocidade para que realmente sexa o epicentro da dinamización xuvenil no noso concello” explican.
Para o PP esta situación é outro síntoma da parálises e falta de xestión municipal que leva sufrindo Cangas nos últmos anos e que continúa co o actual equipo de goberno liderado pola nacionalista Araceli Gestido. “De nada serve ter unha concellería de Mocidade se logo non se desenvolven proxectos ou iniciativas dirixidas á xente nova” insisten, “e para iso resulta fundamental manter e dotar de contido aos espazos dos que se dispón por parte do Concello” sinalan. “Esperamos que non continúen coa tradición de votar a favor destes acordos plenarios para logo incumprilos sistemáticamente. A veciñanza e especialmente a mocidade canguesa o agradecerá seguro” rematan.