Desde o ano 2017, os propietarios dunha vivenda na zona da Carrasqueira, en Bueu, veñen solicitándolle ao Concello de Bueu a súa actuación na limpeza dunha parcela colindante, que se atopa en estado de total abandono, acusando unha enorme falta de mantemento. Esta situación, que atenta contra a salubridade e a normativa actual da Lei de Montes de Galicia, din desde o grupo municipal popular de Bueu, «ten como único responsable o goberno local, que desde hai varios anos ignora as súas competencias».
En varias sesións plenarias, o Partido Popular formulou rogos ó alcalde, solicitándolle que desde o Concello se remitise ó titular de dita parcela o requerimento para levar a cabo tarefas de limpeza e mantemento. «As condicións nas que se atopa o lugar están poñendo en perigo a saúde dos veciños da zona, ademais de implicar un enorme risco no caso de que se orixine un incendio, xa que a finca está rodeada de vivendas no casco urbano», explican.
Desde o grupo popular que dirixe Elena Estévez, tamén lle solicitan ao goberno que, de non ser posible contactar co titular por ser descoñecido, os labores de limpeza se levasen a cabo polo Concello, cobrando despois os gastos ocasionados. «A pesar das peticións, o único que atopamos por parte do alcalde foi silencio, dando a calada por resposta. Como xa vén sendo habitual desde o comezo do mandato, basta que o PP propoña algo ou pida algo para que se lle dea largas ó asunto, preferindo o goberno facer antes política que atender as demandas e necesidades da veciñanza de Bueu», critican.
Estévez asegura que os veciños presentaron escritos por rexistro en numerosas ocasións solicitando a actuación do Concello pero seguen sen obter unha solución. e non teñen a quen recurrir, posto que as competencias son exclusivas do Concello. Así, en vista da situación, desde o Partido Popular preguntanse «qué ocorrería se o alcalde ou un concelleiro vivise nesa zona. ¿O posicionamento sería outro? ¿Actuaríase con urxencia?».
O PP considera que esta situación non pode seguir así nin un día máis, poñendo en risco a saúde e a seguridade da veciñanza, polo que pidenlle ao alcalde, Félix Juncal, que contrate unha empresa para levar a cabo eses traballos e que lle reclame os gastos ó titular da parcela. «É necesario que se actúe antes de que poida haber un problema por un incendio ou mesmo pola presenza de ratas no lugar, como xa se empezan a mirar nestes días. Se é verdade que o goberno goberna, que se poña mans á obra e goberne, dando solución a uns problemas que coñecen de sobra dunha vez por todas», din os populares.