O Partido Popular de Cangas acusa ao goberno tripartito de incumprir tanto a lei autonómica 4/2017 de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia como a lei 7/2023 de Protección e dos Dereitos e o Benestar dos Animais non exercendo as súas competencias nesta materia, delegando de facto as mesmas en colectivos “que para colmo non contan co respaldo económico necesario para a labor que desenvolven” lamentan.
Neste sentido, o grupo municipal sinala que o Concello é o responsable de facer fronte á obriga de facerse cargo dos gatos comunitarios que viven na rúa a través do método (capturar, esterilizar e soltar) co obxectivo de controlar a súa poboación. “O noso municipio conta con asociacións que de forma altruista e polo amor aos animais dos seus membros, asumen esta labor que é unha competencia municipal” explican, “un traballo que en moitas ocasións derivan en débedas económicas ante a falta de respaldo económico por parte do consistorio” engaden, “unhas débedas ás que fan fronte con dificultades grazas aos donativos de particulares”.
“Estes animais que conviven entre nós sen supervisión poderían supoñer un problema de saúde pública xa que hai enfermidades que poden ser transmitidas ás persoas polo que se trata dun asunto de saúde pública no que resulta fundamental desparasitar, vacunar e esterilizar” destacan dende o grupo municipal. “Sabemos que dirán que non hai cartos, pero se foron capaces de atopar partidas para pagar os seus soldos, estamos seguro que son quen de atopar os recursos para cumprir a lei e actuar dentro das competencias que estable a lexislación vixente” rematan os populares.