A Autoridade Portuaria de Vigo trasladou oficialmente ao Concello de Moaña que debe encargarse do arranxo do noiro desprendido no vial de acceso á praia de O Cocho o pasado 29 de marzo.
Asegura a institución que preside Jesús Vázquez Almuiña que «tanto as tubaxes de abastecemento e saneamento de augas, como o vial descalzado como consecuencia do fallo do noiro, están fóra da zona de servizo do Porto de Vigo e, por tanto, fóra do seu ámbito de competencia», motivo polo que empraza ao consistorio que proceda a restituír a zona ao seu estado orixinal dado que o derrube afecta á ocupación da praia e pola proximidade do período estival supoñería un problema para os usuarios.