Un momento do pleno de onte.

O salón de sesións da Casa Consistorial acolleu onte luns, 3 de outubro, a sesión plenaria ordinaria da corporación, na que se aprobou o segundo recoñecemento extraxudicial de créditos do ano e tamén unha moción sobre a mellora da rúa Juan Veiga. O recoñecemento extraxudicial, cun importe de 62.828,43 euros, recollía dúas facturas da empresa que xestiona os servizos da Oficina de Xestión Tributaria e que abranguen o período entre o contrato anterior e o actual, tal e como destacou Julio Villanueva, vicealcalde e edil de facenda.

Sobre este tema, o PP manifestou o seu voto en contra pois, como esgrimiu a súa voceira Elena Estévez, “a min paréceme moi grave polos informes negativos que se presentan no expediente, o que demostra que as cousas non se están facendo ben”. José Vilas, voceiro do PSOE, tamén aludiu a que “non se leva unha tramitación ordenada, pero á empresa haberá que pagarlle porque fixo o seu traballo, de aí que o voto do noso grupo sexa favorable”. En resposta ás críticas, Xosé Leal, voceiro do BNG, salientou que “somos unha administración delgada e facemos as cousas como as podemos facer, aínda que non sempre como quereriamos”. A proposta saíu adiante cos votos a favor de BNG, ACB e PSOE, mentres que o PP se manifestou en contra.

O segundo asunto tratado foi a moción presentada polo PP que facía referencia á mellora da rúa Don Juan Veiga Alfonso, que é a que serve de acceso para o Centro de Saúde da vila. Elena Estévez apuntou que “é unha zona cun movemento importante e merece un cambio”, de aí que se solicite o seu arranxo. Durante o debate, Xosé Leal, voceiro nacionalista, avanzou o voto favorable do seu grupo, pero tendo en conta que “terá que inserirse nun proxecto de mellora e renovación integral na zona a raíz do vial de apertura que temos pendente como prolongación de Johan Carballeira”, e por iso todo o que se faga ten que ter en conta o futuro. A moción saíu adiante cos votos do BNG, PP e PSOE, e en contra de ACB.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *