Plano de planta da actuación aprobada no Consello da Xunta.

O Consello da Xunta aprobou onte o proxecto de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada autonómica PO-315, ao seu paso pola parroquia de Beluso, no concello pontevedrés de Bueu. O investimento que o Goberno galego destinará á construción dunha nova beirarrúa nesta vía autonómica, no treito comprendido entre os lugares da Achadiza e da Rúa Nova de Abaixo, roldará os 340.000 euros, incluíndo o pagamento dos 8 predios necesarios para a execución da intervención.

A aprobación definitiva deste proxecto por parte do Goberno galego, leva tamén aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta nova intervención no municipio pontevedrés.

Máis concretamente, a actuación prevé a construción dunha beirarrúa de formigón dunha anchura de dous metros pola marxe esquerda da PO-315 nun treito duns 600 metros de lonxitude, que conectará as beirarrúas existentes nos núcleos da Achadiza e da Rúa Nova de Abaixo, entre os puntos quilométricos 2+150 e 2+750. Así mesmo, ampliarase a plataforma da estrada e instalaranse paras de autobús con refuxios en ambos os laterais da vía, á altura do punto 2+500.

Os traballos incluirán a mellora da drenaxe e a adecuación e modernización dos servizos existentes nese treito, ademais da renovación da capa de rodaxe naquelas zonas da estrada que teñan o firme deteriorado. Tamén se procederá á estabilización do noiro de desmonte existente na curva entre os puntos quilométricos 2+580 e 2+660. Actualmente o noiro ten unha pendente moi vertical e proxéctase a escavación necesaria para tendelo e que sexa así máis estable.

Tras a análise das achegas recibidas, incluíuse no proxecto a execución dun muro de contención entre os quilómetros 2+490 e 2+535 da marxe dereita da estrada, limitando a ocupación de terreos privados e repoñendo os accesos a varias parcelas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto licitar as obras e convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no último trimestre deste ano, para a súa execución no ano 2023. O prazo de execución dos traballos é de seis meses.

Esta nova actuación no Concello de Bueu dá continuidade aos proxectos de reforzo da seguridade viaria e de acondicionamento de espazos peonís impulsados pola Xunta neste municipio do Morrazo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *