Visita da Alcaldesa e da concelleira ao Paseo.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acudiu a pé de obra para coñecer o avance das obras e facer balance da estratexia Marín Dusi, que supón unha inversión global de máis de 6 millóns de euros para todas as actuacións que a conforman

Marín Dusi vai avanzando, tendo practicamente rematada unha das súas actuacións máis relevantes, a humanización da Avenida de Ourense, e con outra avanzando a moi bo ritmo, a remodelación do Paseo Alcalde Blanco.

Ata alí achegouse a alcaldesa, María Ramallo, que recordou que Marín é un dos poucos concellos galegos “que conseguiu financiamento da Unión Europea a través dos Fondos Feder, porque temos un proxecto sólido para seguir creando o Marín que queremos”.

Nesa vila marinense gánase espazo para os peóns e para as bicicletas, apostando por unha mobilidade máis sostible, e recupérase o lazo de unión de Marín co mar. “Ata agora, o noso Paseo, aínda que moi utilizado, non tiña a súa punta rematada, un espazo cheo de posibilidades co que agora incluso gañamos un novo miradoiro”, explicou a rexedora a pé de obra, en referencia á cuberta practicable do establecemento de hostalaría en construción.

O paseo tamén aumentará as zonas verdes e suporá unha mellora de toda a iluminación e a pavimentación. Ademais, instalaranse xogos infantís de auga adaptados á contorna e seguirase reforzando o vínculo mariñeiro do noso pobo.

Unha estratexia de máis de 6 millóns de euros

Grazas a Marín Dusi, confinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, Marín converterase nun referente en mobilidade sostible, avance medioambiental, recuperación de espazos urbanos, dixitalización dos servizos municipais e recuperación da economía local.

En total, Marín acadou un financiamento de cerca de 5 millóns de euros por parte de Europa, aos que suma máis dun millón de fondos propios para pechar a inversión global para todas as actuacións enmarcadas dentro da estratexia.

Estas actuacións, ademais das dúas obras xa mencionadas, inclúen a construción do Auditorio, a elaboración do PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible), a optimización e mellora da Administración dixital, o impulso do modelo Smart Citie, a creación de Marín en Rede e o achegamento das TICs a toda a veciñanza.

“Grazas a estas axudas da Unión Europea temos a posibilidade de dar un salto de calidade e marcar un antes e un despois no noso municipio, mellorando a calidade de vida da nosa veciñanza”, explicou a rexedora.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *