María Teresa Costas e Sara Paz, Damas no Xogho da Bóla. Fotograma do video de Antón Beiras-1951.

Presentarase na casa da aldea de Nerga o vindeiro venres 4 de marzo

Guillerme Ignacio con Irena Piñeiro, derradeira Dama de Nergha,. Foto de Elsa Coia

Baixo o título “Damas e ghaláns no Entruido de Nergha. Unha danza de Entroido no Morrazo”, o músico e investigador bueués Guillerme Ignacio presenta un libro arredor dunha tradición perdida hai agora setenta anos. Trátase do baile das damas e galáns de Nerga, unha danza de Entroido (Entruido, empregando o termo tradicional) curmá das de Cobres (Vilaboa) ou Meira (Moaña), e irmá da recentemente recuperada en Darbo (Cangas).

Os seus protagonistas son as damas e os galáns, mozos e mozas xeralmente solteiras que ensaian unha jota e mais unha muiñeira para botar vestidos de “bonitos” (con roupa branca, mantóns etc) no torreiro abrindo o baile no domingo e mais no martes do Entroido. 

Ademais de axudar a coñecer en profundidade este rico patrimonio inmaterial, este traballo pretende concienciar á propia veciñanza da importancia desta danza tradicional, de cara á súa final recuperación. De feito, esta primeira presentación en público realízase en colaboración coa Asociación Con de Nerga, dende a que se amosan moi receptivos de cara á futura recuperación desta danza.

O traballo está baseado na información aportada por veciños e veciñas de idade da aldea de Nerga, así coma doutras aldeas do Hío e de Darbo. Tamén foi importante o video gravado polo intelectual galeguista Antón Beiras, quen inmortalizou a propia danza no torreiro de Nerga no ano 1951. A mestra Saturna Costas e a súa compañeira Josefa Costas, damas como María Teresa Costas ou Irene Piñeiro, galáns coma Pepe Novas ou Manuel Otero “O Laranxo”, e gaiteiros coma Xosé Gutiérrez “da Chamiseira” ou Eduardo Menduíña “Punxeiro”, falan en primeira persoa sobre todo o que implicaba esta tradición para os seus protagonistas na derradeira etapa desta danza, entre o 1946 e o 1952.

Ademais da propia descrición desta tradición, o estudo aborda aspectos coma a inserción da danza no Entruido tradicional de Nerga, ou a súa contextualización dentro das danzas brancas e das distintas tipoloxías de danzas de Entroido.

Guillerme Ignacio ten realizado a produción musical de diversos traballos de divulgación da tradición musical galega, coma o Cd adicado ao Ghaiteiro do Piñeiro José Fernández Canosa (Ed. Do Cumio, 2010), ou ás músicas de tradición oral no Concello de Bueu (“Elelelos”, Retrouso de Cela 2014). Forma parte do grupo de traballo Arredor da Tradición xunto coa etnomusicóloga Xulia Feixoo, coa que publicou o libro “Mulleres de Gargamala. Cantares de tradición oral” (ACentral Folque, 2017); grupo a través do cal desenvolveron a homenaxe ás pandeireteiras da Illa de Ons celebrada o pasado mes de agosto na propia Illa.

A presente publicación encádrase dentro das Monografías da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), e está coordinada polo antropólogo pontevedrés Rafael Quintía, un dos maiores coñecedores do Entroido galego, quen acompañará ao autor na presentación de Nerga o día 4 ás sete do serán.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *