Papá Noel durante a acción reivindicativa no último Nadal.

Ofrece un convenio de cesión dos terreos e César Poza pide a implicación de todas as administracións para sacar adiante un ambicioso proxecto de ámbito autonómico

O Ministerio de Transporte y Movilidad Sostenible deixa unha porta aberta á transformación da antiga vía ferroviaria en desuso entre Pontevedra e Soutomaior nunha vía verde, nunha carta remitida ao Concello de Vilaboa como resposta á petición dunha reunión para abordar presencialmente esta cuestión.

Na misiva aseguran que tanto desde Adif como desde o Ministerio están abertos a analizar fórmulas para a cesión temporal das vías mentras non sexan necesarias para a explotación ferroviaria. Entre elas suxire a posta a disposición das instacións ás entidades interesadas no desenvolvento do proxecto, mediante a suscrición dun convenio de arrendamento, para que estas entidades acondicionen os terreos de cara a súa conversión en vía verde.

César Poza, alcalde de Vilaboa, entende esta resposta como unha posibilidade real de traballo de cara á consecución dun recurso ambiental con gran demanda por parte da cidadanía pero que excede as competencias dun único municipio e unha oportunidade de avanzar no concepto de sustentabilidade turística que Galicia defende como destino.

A conversión deste tramo en vía verde completaría o treito xa en marcha entre Pontevedra e Caldas de Reis, e abre tamén a posibilidade de crear un corredor verde de gran valor paisaxístico e medioambiental que conectaría importantes núcleos de poboación da zona, potenciando o turismo sostible e a mobilidade non motorizada entre localidades, coa opción de ampliación cara o sur incluso ata chegar a Portugal. Un ambicioso proxecto no que César Poza considera imprescindible a implicación de todas as administracións, empezando pola Deputación de Pontevedra, entidade que vertebra a todos os municipios con tramos ferroviarios en desuso e seguindo pola Xunta de Galicia, xa que a vía verde está chamada a ser un recurso turístico e ambiental de futuro.

O alcalde de Vilaboa amosou o seu agradecemento pola boa disposición do Ministerio para chegar a un acordo. “Agradecemos a receptividade do Ministerio de Transporte ante esta iniciativa, que consideramos fundamental para o futuro desenvolvemento turístico e medioambiental da nosa comarca”, sinalou César Poza, quen engadiu que esta predisposición ao diálogo é o primeiro paso para materializar un proxecto ambicioso que beneficiará a todos os concellos implicados. César Poza asume así unha vella reivindicación da veciñanza de Vilaboa, especialmente dos colectivos veciñais de Paredes, que desde hai anos reclaman a transformación das vías nunha senda verde.

A última acción reivindicativa tivo lugar este pasado Nadal, coincidindo coa visita de Papa Noel á localidade, cando percorreron parte do trazado en vagoneta para visibilizar a petición da vía verde.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *