Cando estean executados todos estes proxectos, será posible ir en bicicleta ou a pé de xeito seguro desde Cantodarea até Mogor sen interrupcións urbanas.

Cando estean executados todos estes proxectos, será posible ir en bicicleta ou a pé de xeito seguro desde Cantodarea até Mogor sen interrupcións urbanas

O peche do 2023 está a ter como protagonista a mobilidade sostible na vila de Marín. O Goberno local está impulsando algúns proxectos clave para a súa mellora, que se suman ao conseguido nos últimos anos coa aplicación da estratexia Marín Dusi. Neste momento, xa está executada ao 50% a primeira fase da humanización da Rúa do Forte, desde a porta Juan Carlos I da Escola Naval Militar ate pasada a gasolinera. O seguinte proxecto, que acaba de ser recibido no Concello, “contempla seguir esta humanización ata o final da rúa, para entroncar despois co tramo que segue da PO-551 e finalmente actuar no Vial de Praias, desde Portocelo até Mogor”, explicou a alcaldesa.

Este novo proxecto con cuxa redacción xa se conta ten un orzamento base de licitación de 682.577 euros, que serán investidos con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística de Marín, polo que o noso concello acadou 2 millóns de euros dos Fondos NextGeneration-EU. “Resolveremos o problema de estreitamento que hai nesta zona máis alta do Forte e repararemos os pavimentos que están en mal estado, así como a capa de rodadura. Tamén se plantexa a renovación da rede de saneamento”, explicou a alcaldesa.

O itinerario ciclista irá por toda a marxe dereita segregado do tráfico, tanto no Forte como até Mogor. Nas zonas nas que haxa espazo abondo terá a súa propia delimitación e naquelas nas que o estreitamento da vía non o permita, crearanse zonas de uso compartido co tránsito peonil.

Ramallo quixo chamar a atención sobre todo o que se avanzou en mobilidade sostible nestes anos . “Non somos conscientes de que cando se remate a execución deste proxecto, para o que aínda falta pero que xa está en camiño, poderemos ir de xeito peonil ou en bicicleta desde o límite do noso municipio en Cantodarea ata a praia de Mogor sen parar, cun itinerario seguro, modernizado e cómodo”, destacou.

A día de hoxe, o proxecto está pendente de recibir todas as autorizacións precisas para a súa tramitación: de Costas da Xunta de Galicia, do Instituto de Estudos do Territorio, da Consellería de Infraestruturas, do Ministerio de Defensa e de Augas de Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *