A programación estenderase do 18 de febreiro ao 3 de marzo e incluirá eventos para todos os públicos e nas tres parroquias
O Entroido de Bueu bota a andar este ano coa volta á plena normalidade despois de dous anos de pandemia nos que houbo que reducir e adaptar a programación. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, presentou este martes a programación en rolda de prensa, acompañada de representantes das comparsas da vila e dos colectivos que participan nesta gran festa que se estenderá do 18 de febreiro ao 3 de marzo.
Carballo salientou que “nesta edición volvemos á plena normalidade cun dos entroidos máis completos dos últimos anos con actividades de tod@s e para tod@s”, e na que existe unha estreita colaboración entre o Concello de Bueu e os diversos colectivos da vila.
Este ano recupérase a maioría da programación, que estará moi centrada na vinculación entre a tradición e a modernidade, con eventos para todos os públicos e nas tres parroquias. Así, as comparsas seguirán sendo as grandes protagonistas deste Entroido, polo que se reforzarán as actuacións e festivais, nos que o público asistente poderá gozar da música e das tradicionais “letrillas” das murgas Vou nun bou, Os do Pinsel, Os Mulos, Tinta Femia e As Faltriqueiras o sábado 18 co III Festival de Comparsas de Cela, o martes 21 coa VII Filloada e o Festival de Comparsas de Meiro, o 24, no XL Festival de Comparsas do Bueu Atlético Balonmán no Pavillón Municipal Pablo Herbello, que terá outro pase na Casa do Pobo de Beluso o 3 de marzo. Para festexar o corenta aniversario deste festival, este ano ampliarase o aforo para preto dun millar de persoas, e no que se poñerá en marcha unha gran infraestrutura no pavillón da man do Concello de Bueu. Para este festival e como vén sendo habitual, as persoas interesadas xa poderán facerse dende esta semana coas súas entradas que están á venda en todas as librarías da vila.
Este ano tamén se recuperarán os desfiles de Entroido, tanto o Enterro da Sardiña, que será o mércores 22 de febreiro a partir das 17 horas con saída dende a Praza Massó e no que poderán participar os colectivos infantís da vila; como o Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, que encherá de cor as rúas da vila o domingo 26, á mesma hora, cun gran desfile e a tradicional queima do paxaro na praia da Banda do Río. Neste sentido, o Concello abriu hai uns días o prazo de presentación de solicitudes para que as persoas e colectivos interesados en participar se poidan inscribir ata o 17 deste mes.
Ademais, do 20 ao 22 de febreiro, dende as 11 e as 13 horas, o artista local Tino Resille coordinará uns obradoiros infantís nos que se elaborará o Paxaro de Mal Agoiro, unha iniciativa que naceu o pasado ano e que fomenta o arraigo da cativada con esta tradición, tal e como salientou a concelleira na rolda de prensa. Os máis pequenos e pequenas tamén serán protagonistas das festas infantís que se organizarán na carpa da Praza Massó nas tardes do 23 e do 26 de febreiro, nos que se contará con persoal especializado en necesidades especiais.
E para o público máis adulto, a carpa da Praza Massó acollerá dúas festas de disfraces tanto o sábado 18 como o 25 de febreiro pola noite, nos que actuará La Duendeneta; e o domingo 26, o Centro Social do Mar acollerá un baile no Centro Social do Mar co grupo Dúo Latino.
O programa completo publicarase esta semana na páxina web do Concello de Bueu e nas redes sociais.