O Concello de Bueu vén de ser recoñecido con dous galardóns na campaña de “Sendeiros Azuis 2023” que concede anualmente a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). O municipio bueués renova o distintivo azul para o Sendeiro de Cabo Udra, e acádao por primeira vez para o Sendeiro do Litoral, o que refrenda o traballo do goberno local nos últimos anos para poñer en valor os recursos medioambientais e de goce da natureza. Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de Promoción Económica e Turismo, mostran a súa satisfacción pola consecución destes dous galardóns que “premian a nosa aposta pola difusión da natureza de forma respectuosa e con actividades dinamizadoras”.
Carballo destaca que “despois de conseguir a Bandeira Azul para a praia da Banda do Río, propuxémonos outro reto, que era conseguir o galardón por primeira vez para o Sendeiro do Litoral, polo que acadalo supón unha oportunidade de proxección a nivel internacional e tamén un agasallo para que a nosa veciñanza siga coñecendo a vila e os seus encantos”.
O Sendeiro do Litoral de Bueu iníciase na praia de Portomaior e finaliza na de Lagos, percorrendo os elementos que definen a Bueu como unha vila mariñeira de esplendoroso pasado industrial: as factorías de salgadura e conserveiras que outrora dominaban a súa fachada marítima dan conta da importancia que tivo a chegada da modernidade tecnolóxica e industrial a Galicia naquela altura; o Museo Massó e o Estaleiro de Purro son puntos de parada obrigados para afondar neste momento da nosa historia; e a paixase natural de bosques e rochas erosionadas polo vento encamiñan á praia de Lagos.
Así mesmo, o Concello aspira a revalidar o galardón que concede cada tempada estival para as praias de Lapamán, Portomaior, Area de Bon, Lagos, e a urbana da Banda do Río. Ao igual ca o ano pasado, tamén se presentaron as candidaturas para a Aula da Natureza de Cabo Udra e para o Centro de Interpretación de Agrelo.