Un dos participantes da proba o domingo en Moaña. FOTOS ICEMBE

Alba Fernández e Sergio Veiga marcaron os rexistros scratch en Moaña

Unha semana despois de acoller a Copa de España de Enduro baixo o lema do ‘Último Baile’, o Endurrazo puxo en movemento este domingo a segunda edición Copa Galicia de Pump Track Rodeiramar. O evento moañés incorporouse ao calendario do certame máis recente e emerxente do ciclismo autonómico estreando nunha competición as instalacións do Casal. Un bautizo que deixou a trece riders vestidos de líderes. 

A cita organizada polo Club THC Bike estaba prevista para a fin de semana anterior, pero o mal tempo obrigou ao seu adiamento. Ese cambio de data permitiu que entre os 183 participantes estiveran as corredoras e os corredores da nosa comunidade que sete días antes acudiron á apertura da Copa de España. Os dous mellores galegos en Monzón (Huesca) tamén marcaron os rexistros scratch no pump track morracense.

Sergio Veiga (Pontebike) detivo o cronómetro na segunda das dúas quendas en 11 segundos e 7 centésimas, establecendo a volta rápida da xornada nun circuíto que gustou moito. A loita pola vitoria absoluta tivo un nivel moi alto e como protagonistas a riders sub-23. A segunda posición ocupouna Iván García (Val do Ulló), a 361 milésimas do gañador, e a terceira acadouna Raúl Gándara (PonteBike), a 479 milésimas do actual líder na súa categoría da Copa de España. 

Saúl Vilar (BMX Cromoly), un dos principais especialistas estatais en BMX Freestyle Park, rematou cuarto e anotouse o triunfo júnior. Quinto clasificouse o vencedor cadete Mario Barreiro (VK Bikes) e entre os dez primeiros tamén se meteron Saúl Moreira (Siete Club) -primeiro máster-30- e Alejandro Pérez (Maese Ourense) -gañador elite-. A vitoria no resto de categorías masculinas puntuables para a Copa correspondeu a Hugo Rodríguez (Avanza – O Porriño) en Infantil, a Francisco Lorenzo (Bike ou Non Vai) en Máster-40 e a Alberto Pérez (VigoEnduro) en Máster-50.

O segundos dos cinco eventos que compoñen esta Copa Galicia chegará o 1 de xuño en Vilagarcía. Toda a información sobre este certame podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPT24.

Fonte: Federación Galega de Ciclismo

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *