O Consello Municipal da Saúde de Cangas, celebrado na tarde de onte no consistorio, acordou realizar achegas ao Plan Funcional enviado ao Concello pola Consellería de Sanidade hai unhas semanas para adaptalo ás necesidades sanitarias do municipio. Segundo explicou a alcaldesa e concelleira de Sanidade, Vitoria Portas, «somos conscientes de que Cangas necesita unha infraestrutura sanitaria e imos colaborar en positivo para conseguila».
Todos os colectivos que forman parte deste Consello teñen ata o 31 de marzo para presentar as súas propostas e durante a segunda semana de abril está prevista outra nova reunión de todos os seus membros para «unificar» as demandas e presentalas ante Sanidade de forma conxunta polo órgano municipal.
A petición de la CIG, púxose en marcha dunha comisión de traballo onde debe estar representado o persoal sanitario que traballará na futura instalación sanitaria a través de unha persoa de cada organización sindical con representación na área Sanitaria de Vigo, unha persoa de cada concello (Cangas e Moaña) e outra persoa do colectivo de pacientes.
En liñas xerais, o sindicato considera que o documento é «manifestamente insuficiente» e argumenta esta avaliación en que «tan só se trata dunha táboa onde se enumeran espazos e profesionais. Ademais, rexeitan absolutamente o documento por partir «dunha descrición actual de recursos materiais e de persoal que non se corresponden á realidade».
Para a central sindical, o plan funcional presentado «hipoteca» as posibilidades de crecemento futuro da Atención Primaria no Concello de Cangas posto que non ten en conta as necesidades reais da cidadanía.