O Concello de Marín está levando a cabo estes días unha serie de melloras de mantemento nos aparcadoiros públicos gratuítos habilitados dentro do Proxecto MARES, unha iniciativa que desenvolveu nestes últimos anos o Goberno local coa finalidade de mellorar a ordenación do espazo urbano e facer convivir as necesidades de maior peonalización coas do tráfico rodado e o estacionamento.
Na última semana, estívose traballando no aparcadoiro de Concepción Arenal e nestes días procedeuse coas parcelas de Ponte Zapal e Inferniño. O obxectivo é reencher aqueles baches que se foron xerando co uso e o paso do tempo, desbrozar as malas herbas que poida haber, limpar e, en xeral, manter a parcela en perfectas condicións para que poida seguir sendo utilizada de xeito cómodo e eficaz pola cidadanía que deixa o seu vehículo aparcado nelas.
Máis de 700 prazas de aparcamento de nova creación
Coa habilitación destas parcelas, o Concello conseguiu crear nos últimos anos 705 prazas novas para aparcar, repartidas nos seguintes espazos: Quevedo (50 prazas), Praza do Regueiro (60 prazas), Sagrada Familia (25 prazas), Concepción Arenal (100 prazas), Ponte Zapal (50 prazas), Virxe do Carme (40 prazas), Inferniño (60 prazas), República Arxentina (70 prazas), Jaime Janer (50 prazas), Pavillón da Raña (100 prazas), Carballal (50 prazas), Otero Ulloa 1 (25 prazas), Otero Ulloa 2 (50 prazas)
Posta a punto das praias e do Viario
O Concello de Marín tamén ten como prioridade no coidado do litoral o mantemento e posta a punto de todas as praias e tamén do Viario que as percorre, considerado como Sendeiro Azul pola ADEAC. Por iso, foron encargados os traballos para a limpeza de toda a parte pública que transcorre por este tramo.
Pero no que respecta ás partes privadas, esta competencia é dos propietarios das parcelas. O Concello sempre lles notifica que deben contratar a tala e a limpeza das mesmas. Así se actuou ao recibir o Concello unha queixa a modo de denuncia dun veciño, polo que se deu por cuberta esta queixa.
A empresa encargada da execución dos traballos de limpeza para este particular realizaron os labores pertinentes, deixando a maleza acopiada, pero coa nortada deste días, esparcíronse estes retos. Solicitóuselles de novo que se limparan estes excesos. Están neste punto e a limpeza do vial está practicamente rematada.
Polo tanto, por parte deste particular non existe desidia nin falta de seguemento. Desde o Concello, esperan que efectivamente as persoas que non cumplen coa debida limpeza das súas parcelas actúen de xeito cívico, xa que esta vexetación que excede á parcela privada pode causar perigo aos viandantes.