A actuación executarase cunha achega de 69.697 euros da Deputación provincial
Unha subvención de 69.697,59 euros concedida pola Deputación de Pontevedra permitirá ao Concello de Vilaboa reparar os muros danados polas inundacións rexistradas a principios deste ano en viais municipais.
A aportación da Deputación de Pontevedra, que o ano pasado habilitou unha partida para apoiar aos concellos da provincia na recuperación da normalidade tralo anegamento do viario público, permitirá a reconstrución de muros de contención preexistentes mediante demolición dos restsos e construcción dun novo muro de fábrica de escollera de granito con cimentación no mesmo material, asentados en seco, así como a reposición do firme afectado.
O Concello de Vilaboa realizará estas tarefas de reposición nos lugares de O Souto – Paredes, Vilaboa; Magarella en Santa Cristina de Cobres; en A Graña, Vilaboa; en O Río, Vilaboa; en Riomaior, Santa Cristina de Cobres e en Alcouce, Figueirido.
Seis enclaves nos que as actuacións a realizar consistirán na demolición do pavimento danado e dos muros de contención existentes; na excavación do terreo para facer unha cimentación sobre a que asentar sillares de granito con posterior recheo compactado e posterior reposición do firme no treito afectado.
César Poza destaca a importancia de contar con esta achega provincial para afrontar os danos derivados dunhas inundacións que demoleron muros e causaron destrozos na rede viaria.