O próximo luns, 17 de xullo, ábrese o prazo de inscrición na terceira e última sesión de Depo Auga que terá lugar os días 29 e 30 de xullo en Cesantes e a Illa de San Simón

O programa provincial Depo Auga, co que a Deputación de Pontevedra oferta actividades de pádel surf e caiac en contornas de ríos e rías da provincia, chega esta fin de semana ao concello de Vilaboa, onde se desenvolverá os días 15 e 16 de xullo na desembocadura do río Verdugo e as Salinas do Ulló.

A actividade consistirá nun roteiro circular de aproximadamente 5 quilómetros no que se poderá gozar de distintas paisaxes entre a desembocadura do río Verdugo e as salinas do Ulló (Vilaboa) e navegar dentro do espazo natural protexido Rede Natura 2000.

A actividade comezará na praia do peirao de Arcade, desde a que as persoas participantes visitarán lugares deste espazo natural como as illas Alvedosas e as salinas do Ulló. A ruta seguirá cara a ponte medieval de dez arcos que dá nome á parroquia de Ponte Sampaio e bordeará a Illa de Medal, á que se accede a través dunha pequena ponte levadiza. A actividade finalizará na mesma praia na que comezou. En cada unha das xornadas participarán 16 persoas.

Despois desta saída, a terceira e última sesión do programa terá lugar en Cesantes e a Illa de San Simón, en Redondela, os días 29 e 30 de xullo e o prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns 17 de xullo a través do formulario que se abrirá na web da Deputación. En cada unha das actividades haberá dispoñibles 32 prazas, 16 para cada día, e poderán participar persoas maiores de 18 anos ou menores de idade (mínimo de 16 anos) con autorización da súa nai, pai, titora ou titor legal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *