A iluminación do Consistorio en lila, un Manifesto institucional e a segunda edición do Premio 8M son algunhas das actuacións do goberno local
O Concello de Vilaboa súmase á conmemoración do 8M, Día Internacional das Mulleres, asumindo tanto o lema escollido este ano polas Nacións Unidas: “Investir nas mulleres: acelerar o progreso” como a conclusión de que “a igualdade de xénero é o maior desafío actual en materia de dereitos humanos”.
O Concello de Vilaboa aportará o seu gran de area a esta loita por conseguir unha sociedade mellor e máis democrática “convertendo reivindicacións en realidades a través da acción política”. Así o recolle no Manifesto institucional que o goberno local distribuirá por todas as parroquias e ao que lle dará difusión a través da web municipal e das súas redes sociais.
Ademais, o goberno local anima á veciñanza a participar activamente nas manifestacións que se convocarán con motivo do 8M. Unha pancarta pendurada do balcón do Concello e a iluminación do Consistorio coa cor violeta feminista serán tamén dous símbolos cos que o goberno local quere visibilizar o seu compromiso coa loita pola igualdade.
Neste 8M o Concello de Vilaboa insiste en que o reto máis importante do século XXI é acabar coa desigualdade entre mulleres e homes e o seu máis salvaxe expoñente, a violencia machista. “É imprescindible renovar o gran logro social e político que supuxo o Pacto de Estado contra a violencia de xénero e xuntar esforzos e recursos para previr esta violencia e atender as sobreviventes”.
O goberno municipal traballa cada ano para achegar ás mulleres do concello actividades que lles permitan tomar conciencia da súa situación, reivindicarse, desterrar o machismo das súas vidas e coidarse. A primeira delas é reivindicar o 8 de Marzo cun premio que sinala cada ano a unha muller vilaboense. O acto de entrega deste galardón, que este ano afronta a súa segunda edición, terá lugar o vindeiro 15 de marzo na Casa de Cultura. O Concello deseña tamén actividades formativas, lúdicas e de conciliación da vida laboral e persoal, que permitan ás mulleres, parroquia a parroquia xuntarse, falar e unir forzas polos avances acadados e contra a regresión.