O alcalde, César Poza, que considera este servizo “esencial” para os maiores, solicita para o proxecto 593.345 euros de fondos europeos
O Concello de Vilaboa quere reformar un antigo local social e escola unitaria do Picho, de titularidade municipal, nun centro de día de atención a persoas dependentes con capacidade para 50 persoas. O alcalde de Vilaboa, César Poza, considera que éste é un servizo esencial tendo en conta o índice de envellecemento da poboación no municipio, tanto para que as persoas dependentes teñan en Vilaboa unhas instalacións axeitas que cubran as súas necesidades asistencias como para as familias dos dependentes, que terían no centro de día unha alternativa para os coidados dos e das maiores que lles facilitaría a conciliación, tanto familiar como laboral.
Para facer a reforma dos dous locais municipais o Concello de Vilaboa solicita participar no Plan de Investimentos para a construcción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais con cargos a fondos europeos procedentes do mecanismo de recuperación e resiliencia, popularmente coñecidos como fondos Next Generation.
Para a reforma do local o Concello solicita 593.345,29 euros, cantidade que inclúe a equipación de mobiliario, electrodomésticos, material de enfermería e rehabilitación, etc, necesario para a correcta atención dos maiores dependentes.
O proxecto presentado inclúe varias actuacións nos dous locais xa existentes, eliminando as barreiras arquitectónicas para o acceso exterior e interior.
Contempla tamén o acondicionamento de espazos exteriores xardíns e zona de esparcemento ao aire libre para uso exclusivo dos usuarios do centro.
A subvención solicitada encaixa no acordo marco asinado pola Fegamp de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, no que se establece o desenvolvemento do plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais.