A actuación priorizará a calidade de vida dos residentes, a seguridade dos peóns e reservará o espazo público para zonas de xogo e convivencia veciñal
O Concello de Vilaboa comezará en breve a redacción do proxecto de humanización da aldea ou conxunto tradicional de Alcouce, en Figueirido, a través dunha subvención provincial concedida ao abeiro do Plan Ágora da Deputación. Unha actuación que buscará mellorar o rueiro deste núcleo rural situado a escasos metros do tramo do Camiño Portugués que atravesa Vilaboa, poñendo en valor a singularidade arquitectónica dun entorno composto por tradicionais casas labregas.
Esta aldea conta xa cunha catalogación específica no PXOM que se verá reforzada con este proxecto de humanización para devolver aos peóns un espazo viario seguro, restrinxindo o tráfico rodado aos residentes, servizos e vehículos de emerxencias.
A actuación prevista neste ámbito busca mellorar a calidade de vida das persoas residentes neste entorno tradicional adicando os espazos públicos a zonas de estancia, xogo e relación seguindo o mesmo criterio de actuación que o goberno local aplicou xa a proxectos de humanización executados noutros barrios.
Neste sentido César Poza, alcalde de Vilaboa, apunta que se apostará pola plataforma única na sección dos rueiros, substituíndo o pavimento actual de aglomerado asfáltico por acabados de maior calidade e integración no conxunto arquitectónico, dotando aos espazos públicos de mobiliario urbano, zonas de sombra e nova iluminación.
Preténdese tamén, na medida do posible, soterrar o cableado da rede de alumeado e de electricidade existente que discorren en aéreo e a renovación das luminarias, con criterios de calidade e aforro enerxético.