Seis espectáculos de teatro, monicreques, música e narración oral percorrerán os centros socioculturais do municipio entre o 18 de setembro e o 23 de outubro
O Concello de Moaña prepara unha nova edición de Os Rechouchíos, o programa de dinamización lectora e lingüística dirixido ao público infantil e familiar e organizado polas concellarías de Normalización Lingüística, Cultura e Igualdade. A iniciativa desenvolverase entre o 18 de setembro e o 23 de outubro en diferentes centros socioculturais do municipio e ofrecerá seis propostas culturais baseadas no teatro, os monicreques, a música, a narración oral e os contos. O obxectivo é achegar a lectura e a cultura aos máis pequenos a través de actividades adaptadas ás diferentes idades e, ao mesmo tempo, proporcionar ás familias recursos que contribúan á socialización en galego da infancia.
O programa comezará este venres, 18 de setembro ás 18.00 horas, na Sala Celso Parada do Centro Sociocultural Daniel Castelao de Quintela, coa compañía Babaluva Títeres e o espectáculo ‘Contos e cancións do mar’, recomendado a partir dos tres anos. A proposta levará o público infantil ao mundo mariño mediante monicreques, historias e cancións protagonizadas por sardiñas, rodaballos, caranguexos, peixes abisais e polbos. O repertorio combina cancións populares, como ‘O Rodaballo’, con outros estilos musicais, incluído o jazz. A seguinte cita será o 25 de setembro, ás 18.00 horas, no Centro Sociocultural Rosalía de Castro de Domaio, onde Migallas Teatro representará ‘O libro máxico’, unha obra para maiores de catro anos na que Rosiña atopa un vello libro nun baúl e, tras comezar a lelo, se ve inmersa xunto cos seus amigos e co público nunha aventura de piratas.
Xa no mes de outubro, a programación achegarase á primeira infancia. O 2 de outubro, a Casa de Cultura de Verducedo acollerá ‘Que mundo é este?’, de Iván Davila, unha sesión de contos destinada a nenos e nenas de entre 0 e 5 anos. A través de estímulos visuais, auditivos e espaciais, a proposta acompaña os máis pequenos no descubrimento do mundo que os rodea. O 9 de outubro, o Centro Sociocultural Castroviejo de Tirán recibirá ‘O meu corpo é meu’, de Alba de Vales, un espectáculo de monicreques para maiores de catro anos que aborda, desde o humor e a tenrura, o consentimento e a importancia de respectar os límites persoais. O ciclo continuará o 16 de outubro, tamén en Tirán, con ‘A alquimista’, de Cristina Collazo, unha proposta de narración oral para maiores de tres anos que combina contos, experimentos sinxelos, plantas e libros e que permitirá descubrir tamén a historia de mulleres inventoras. Finalmente, o 23 de outubro, o Centro Sociocultural de Meira acollerá ‘A cabra montesina’, de Erea Mora, un conto teatralizado para maiores de tres anos no que unha nai e as súas fillas se embarcan nunha aventura a partir da preparación dun cocido galego.
A edición deste ano incorpora ademais medidas para favorecer a accesibilidade das actividades. As funcións dos días 2, 16 e 23 de outubro contarán con intérpretes en lingua de signos de XOGA, Organización de Diversidade Sensorial de Galicia. Como complemento, o Concello difundirá nos días previos a cada espectáculo os ‘Signochíos’, pequenas pezas nas redes sociais municipais nas que se ensinarán catro ou cinco palabras signadas relacionadas coa actividade. Todas as propostas serán de balde ata completar a capacidade, mentres que varios dos espectáculos contan co financiamento do programa Ler Conta Moito.

