Visita al CPI O Toural de Vilaboa.

Poza advirte que a administración local carece de competencias para
prestar este servizo e confía en que sexa o último ano no que teña que asumilo

O Concello de Vilaboa solicitou por escrito á Consellería de Educación que asuma os costes de limpeza e mantemento do CPI Toural asumindo as competencias que se lle atribúen na disposición adicional 15ª da Lei 2/2006, do 3 de maio, de Ordenación da Educación e que ven soportando a administración local co conseguinte desgaste económico.

O Concello solicita que se asine un novo convenio no que Educación asume o coste laboral das dúas limpiadoras e un conserxe ou ben que asuma directamente todo o servizo con persoal propio. De non alcanzar un acordo a administración local baralla deixar de asumir estas tarefas. César Poza confía en que as conversas con Educación fructifiquen e este sexa o último ano no que o Concello teña que asumir estes costes nun centro no que é maioritario o alumnado de Educación Secundaria.

O Concello solicita tamén unha compensación por ter asumido estas tarefas durante todo este ano que ten valoradas en 81.291 euros correspondentes aos salarios do persoal de limpeza e conserxería e ao reforzo de limpeza e desinfección do centro educativo derivado da aplicación do protocolo preventivo da Covid-19 aprobado este ano.

Desta cantidade o Concello de Vilaboa recibiu, a través do convenio asinado coa Consellería e a Federación Galega de Municipios e Provincias, 22.922,54 euros; a mesma cantidade que en 2019 e que supón o 28% do custe total, derivando nas arcas municipais o 72% restante.

César Poza, alcalde de Vilaboa, recorda ademais que o Concello non só está afrontando o mantemento senón tamén parte dos novos investimentos, necesarios para o correcto funcionamento das instalacións, e como exemplo pon o novo parque de Educación Infantil no centro educativo.

O Concello de Vilaboa recorda que no CPI do Toural están matriculados 325 rapaces dos que 20 cursan Infantil; 137 Primaria e 168 Secundaria, supoñendo o alumnado da ESO o 51,69% do total do centro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *