O alcalde, César Poza, pregunta á Xerencia de Área Sanitaria cando se vai recuperar a normalidade no servizo asistencial
O alcalde de Vilaboa, César Poza, remitiu estes días un escrito á directora de Atención Primaria do Sergas, á directora de Recursos Humanos e máis ao xerente á Área Sanitaria para interesarse pola situación no centro médico de Vilaboa no que teñen praza catro facultativos pero nos últimos días só prestan servizo dous ao estar as outras dúas prazas sen cubrir trala xubilación dos seus titulares.
A acumulación de cupo na axenda dos dous únicos facultativos que atenden a Atención Primaria está a provocar queixas e certa inquedanza entre os usuarios que, tras meses de consultas telefónicas, demandan un encontro persoal co profesional sanitario que lles corresponde.
O Concello demanda información. Quere coñecer a situación real da cobertura médica no centro e cales son as prazas que están cubertas así como as previsións da Consellería para cubrir as vacantes. César Poza pregunta á Xunta cando prevé recuperar a normalidade no servizo asistencial no centro médico.
Dende a Alcaldía de Vilaboa solicítase á Xerencia da Área Sanitaria que tome as medidas necesarias para cubrir as vacacións por calquera continxencia que mingüen a atención primaria.