A Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, dependente da Consellería de Política Social notificou ao Concello de Cangas a concesión dunha subvención de 93.240 euros para este ano e de 111.888 euros para o 2024 destinados ao Servizo de Atención Temperá, que pode ser cofinanciado a través do FSE+ Galicia 2021-2027. As cantidades subvencionadas son reforzadas con aportación municipal de ata o importe de 136.440,53 euros que é o coste total do servizo (272.881,06 en dous anos sen computar a subida salarial do 2024).
O Servizo de Atención Temperá é atendido por unha psicopedagoga, unha fisioterapeuta e unha logopeda que lles ofrecen aos menores usuarios deste programa terapias e atención especializada para garantir o seu desenvolvemento integral. Nestos momentos Atención Temperá atende a 72 persoas usuarias menores de 6 anos, 50 nenos e 20 nenas e a previsión é que no 2024 se manteña este ratio.
O obxectivo deste servizo é promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións dirixidas a facilitar a autonomía persoal e a inclusión dos nenos e nenas. Préstase no marco da Rede Galega de Atención Temperá nun local municipal de 170 metros cadrados con salas diferenciadas. A xestión do servizo é realizada polo Concello que, tal e como establece o convenio, encárgase dos aspectos materiais (instalación e mantemento), da xestión do persoal, da tramitación administrativa así como da contratación das actividades ou prestacións necesarias, entre outras cuestións.
Cangas presta este servizo desde o ano 1999, “unha atención especializada e fundamental á poboación infantil da comarca con alteracións de desenvolvemento ou risco de padecelas”. Como sinalou a rexedora “estamos moi satisfeitos cun servizo que é unha garantía de integración social para os nenos e nenas de 0 a 6 anos con problemas evolutivos e unha ferramenta fundamental para as súas familias”.
E un servizo que se consolida no noso Concello xa que ditas prazas están na Consolidación do persoal municipal, o que garante que este servizo seguirá existindo sempre para a as necesidades que teñan as familias do noso concello.