O obxectivo é ter preparado o paseo de cara ao verán. O Concello tramitará esta contratación debido á situación que se deu coa empresa adxudicataria, á que se lle resolverá definitivamente o contrato na Xunta de Goberno do xoves.
A situación económica da empresa Oresa, que está afectando a moitas obras en toda a provincia, tamén ten un importante impacto en Marín. Tratábase da empresa adxudicataria da obra de mellora do Vial de Praias, obra ás que non poderá facer fronte.
Ante esta circunstancia, a Xunta de Goberno Local dará luz verde á resolución do contrato este xoves e iniciará a tramitación dunha nova actuación de emerxencia no Vial de Praias para resolver a situación na que se atopa, mellorar a zona, evitar a perigosidade e os problemas de tráfico que está xerando a situación actual e poder ter todo resolto de cara aos meses do verán.
Para poder dar este paso, o Concello xa conta cos informes técnicos necesarios e espera que as obras poidan arrancar á maior brevidade posible.
Desde o Concello, Desde o Concello lamentan todos os problemas que provoca unha situación coma esta, especialmente en obras que dependen de fondos europeos como é a do Vial, financiada a través do Plan de Sostibilidade Turística. Tamén se viu afectado o proxecto de pavimentación de camiños rurais, do que xa está resolto o contrato desde hai varias semanas.

