O Concello de Bueu abre este xoves, 19 de maio, o prazo de inscrición para participar no programa ‘Concilia Bueu’, unha iniciativa conformada por obradoiros de diversas temáticas dirixidos aos nenos e nenas nados entre o 2010 e o 2018, que se desenvolverá do 1 de xullo ao 31 de agosto. Ao igual ca o ano pasado, o programa terá un marcado carácter social, co fin de favorecer a conciliación laboral e familiar, ao tempo que se ofrece unha alternativa de lecer para os nenos e nenas.
No programa poderán participar ata 100 nenos e nenas cada mes, que gozarán de diversas actividades relacionadas coa cultura, o medio ambiente e o deporte, de luns a venres en horario de 8.00 a 14.00 horas. Como novidade, nesta edición tamén se contará con persoal especializado en necesidades especiais, tal e como se fixo nos obradoiros do Entroido e Semana Santa.
En canto ao procedemento, o prazo de inscrición estará aberto ata o 3 de xuño, e as solicitudes terán en conta tres requisitos principais: en primeiro lugar, para as nenas e nenos que xustifiquen o empadroamento en Bueu dun mínimo de tres meses; ditas prazas adxudicaranse seguindo a orde de puntuación obtida pola aplicación do baremo da situación socio-familiar e socio-laboral. De existiren prazas vacantes poderán optar a estas nenas e nenos empadroados noutros concellos. E no caso de empate prevalecerá a orde de presentación de solicitudes.
Toda a información, as bases do programa e as solicitudes poderá consultarse na páxina web do Concello de Bueu: www.concellodebueu.gal .