Alberto Acuña aclara que rexeitaron unha moción do BNG “porque era unha moción totalmente partidista, e que nada ten que ver coa situación actual da sanidade no concello”
O Partido Popular de Vilaboa amosa a súa satisfacción porque o Centro de Saúde mellora a atención primaria coa recuperación de dous médicos para cubrir as prazas que quedaron vacantes tras a xubilación de dous facultativos. O voceiro Alberto Acuña explica que, tras unha situación complicada provocada pola dificultade que hai a nivel nacional para cubrir as prazas que quedan vacantes, e
despois de manter varios contactos con responsables de Sanidade para trasladarlles as preocupacións dos veciños e interesarse pola situación, a Xerencia da Área de Sanidade de Pontevedra xa reforzou a asistencia sanitaria en Vilaboa coa incorporación dun facultativo con praza en propiedade e outro médico que estará tres días a tempo completo mentres non se asigne a praza.
Acuña, ademais, tamén lamenta as acusacións do BNG nas que o acusan de ser favorable ao desmantelamento da sanidade en Vilaboa por non apoiar unha moción política, e totalmente allea á actual situación da sanidade no noso concellos. Nesta liña, o popular di que “mentres outros usan a sanidade para facer política e demagoxia, o PP estivo traballando e interesándose pola situación no centro de saúde”.
Tampoco é certo, din os populares, que os cupos estean sobrepasados, e refírese
que no caso de Vilaboa o maior cupo está en 1.270 pacientes por médico, por debaixo das 1.500 tarxetas por médico que recomenda non sobrepasar o Ministerio de Sanidade. “Vendo esta situación, non podemos falar de recortes nin desmantelamentos, non se pode utilizar a sanidade dos veciños deste xeito. É lamentable facer política cun asunto tan serio”.
Ademais, lamenta que nesa moción “partidista e política”, non se incluíse a problemática real que hai actualmente coa atención primaria e que precisa dunha solución do Goberno central para facilitar a cobertura do persoal médico nos Centros de Saúde, e que pasa por eliminar a taxa de reposición de efectivos que permitiría ofertar máis prazas en próximas convocatorias anuais de oferta de emprego público.