O xefe do centro de saúde de Cangas, Benigno Villoch, cualifica de «escándalo» o ocorrido esta fin de semana nas instalacións sanitarias e xa está a traballar en presentar unha denuncia como Sergas pola agresión a un técnico do 061 por parte dun ferido nunha pelexa que se produciu con anterioridade na zona da movida canguesa, na avenida de Marín e a súa contorna.
Villoch lamenta que non se tomen medidas a unha situación que comezou fai seis meses coa reactivación da festa nocturna en Cangas e que xa en varias ocasións provocou situacións moi tensas no interior do centro de saúde. «Temos medo de ser agredidos porque sabemos que vai volver a pasar e pode ser peor. Os médicos non estamos para que nos peguen, senón para axudar», denuncia.
O responsable do edificio sanitario de Cangas tamén solicitará unha orde de afastamento para o ou os autores desta malleira para que non se acheguen aos profesionais do Sergas no municipio. «As pelexas empezan noutro sitio e acaban aquí. Por sorte esta fin de semana a Garda Civil estaba moi preto e acudiron rapidamente, pola contra non sabiamos que ocorrese», relata Villoch que acusa desta situación ao «fracaso» do sistema educativo.