Os veciños de O Hío escoitando as intervencións da presidenta e da alcaldesa esta mañá en Cangas.

Era unha demanda histórica que finalmente se converteu en realidade. Aínda que xa estaba aberta aos veciños, hoxe fíxose a inauguración oficial da estrada que conecta O Viso con O Hío (EP-1005). Trátase dun vial que tiña importantes problemas de seguridade para os peóns, por iso é polo que as asociacións de veciños da zona levasen demandando unha actuación case dúas décadas. Agora, tras investir a Deputación (80%) e Concello de Cangas(20%) 930.000 euros, pasou a ser unha estrada «amable» na que a prioridade a teñen os viandantes.

A presidenta do ente provincial, Carmela Silva, xunto coa rexedora canguesa, Vitoria Portas, visitaron o tramo dun quilómetro sobre o que se estivo traballando nos últimos meses tras presentarlle o proxecto aos veciños en marzo de 2021. Durante o percorrido de hoxe estiveron acompañadas polos representantes veciñais da Asociación A Fontenova-Igrexario do Hío que, tras recoñecer que nun principio tiñan as súas «dúbidas» sobre o modelo que se pretendía implementar, finalmente aseguran que están moi satisfeitos co resultado. Tanto é así que, aproveitando a visita da presidenta, pedíronlle poder contar coa colaboración da Deputación para poñer en valor a contorna do Cruceiro do Hío, situado a poucos metros.

Carmela Silva, Victoria Portas e o técnico responsable da obra.

Tanto Silva como Portas lembraron que a transformación do vial O Viso-O Hío non foi «unha obra sinxela» pero que grazas á «colaboración estreita» das dúas institucións conseguíronse superar os diferentes escollos que foron xurdindo desde que se asinou o convenio entre Cangas e Pontevedra.

Durante a visita comprobaron os resultados da ampliación da plataforma gracias á incorporación de 42 parcelas para facer posible o “encaixe” dunha senda peonil con ancho mínimo de 2,50 metros que garante a mobilidade peonil en condicións de seguridade, así como dúas plataformas sobreelevadas de preferencia peonil nos tramos máis estreitos pola presenza de vivendas que impide gañar anchura. Ademais, renovouse por completo a sinalización horizontal e vertical de toda a vía. Finalmente, construíronse novas cunetas de borde e novas redes de drenaxe das augas pluviais e de servizos como a electricidade, telecomunicacións e abastecemento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *