Terreos de Sisalde onde se construirá o centro de saúde.

A finalización deste proceso era un paso previo obrigado para que o Rexistro da Propiedade poida proceder á inmatriculación das parcelas. Unha vez as parcelas estean rexistradas o Concello xa poderá ceder a parcela ao SERGAS mediante acordo plenario

A Xerencia Territorial do Catastro xa comunicou ao concello de Moaña o acordo de inscrición das alteracións catastrais das parcelas, que conforman o SUNC P-11 de Sisalde, que acolleran as edificacións, a rúa, a zona verde e o solar que ocupará o novo Centro de Saúde.

O proceso iniciouse por parte do Concello de Moaña coa comunicación do Proxecto de Equidistribución do SUNC P-11 de Sisalde, que fora aprobado pola Xunta de Goberno Local na xuntanza ordinaria mantida o 09 de agosto de 2021. Dito proxecto supoñía a reordenación dos terreos incluídos no ámbito de chan urbano que se identificaba no PXOM como “Polígono 11”, cuxos titulares xa foran notificados no correspondente expediente urbanístico.

O Catastro, unha vez recibida a documentación procedeu a levar a cabo as comprobacións oportunas e a emitir as correspondentes audiencias aos restantes titulares catastrais afectados. Recoñece a Xerencia Territorial do Catastro que: non mediando oposición, procede a alta das parcelas catastrais que conforman o ámbito.

Son en total 9 parcelas. Seis delas correspóndense aos solares de uso residencial (parcelas número 78, 79, 80, 81, 82 e 83). A elas sumaríanse a parcela reservada para a construción do Centro de Saúde (parcela número 84), a de reserva de zona verde (parcela número 85) e a nova rúa Elisa de la Peña González, actualmente en construción, que leva o número 86. A propia resolución procede a dar de baixa as parcelas antigas que ocupaban o ámbito e a modificar aquelas que agora quedan fóra na nova distribución.

Ditas alteracións terán efectos no Catastro Inmobiliario desde o 9 de agosto de 2021 que, como se dixo antes, foi a data na que se aprobou en Xunta de Goberno Local o Proxecto de Equidistribución de xeito definitivo.

Finalizado este proceso, o Rexistro da Propiedade xa pode proceder a inmatriculación de cada unha das parcelas resultantes. O rexistro xa capacitaría ao concello para proceder á cesión da parcela, onde se situará o futuro Centro de Saúde, ao SERGAS, mediante acordo plenario. Á par deste proceso administrativo, as obras de urbanización da rúa que atravesa todo o ámbito continúan a bo ritmo a pesares dos atrasos producidos pola demos de subministros de materiais que se está a sufrir de xeito global.

Licenza de obra da consellería de Sanidade

Por outro lado, o concello está á espera da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, dependente da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para proceder á concesión da licenza de obra solicitada.

Dende o Goberno Municipal celebramos este novo e importante avance en todo este longo procedemento que rematará cunha dotación tan importante e pola que a veciñanza de Moaña leva tempo agardando.

Dende a chegada ao goberno municipal no ano 2015, foi esta unha prioridade da acción política do bipartitoque supuxo chegar a un acordo con todas as persoas propietarias no ámbito, modificar o sistema de desenvolvemento ao de Cooperación, facer a tramitación urbanística correspondente e redactar e licitar o proxecto de urbanización actualmente en marcha.

A construción do tan ansiado Centro de Saúde de Moaña está cada vez máis cerca grazas tamén ao apoio incansable dos veciños e veciñas nesta reivindicación hístórica.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *