A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, vai destinar unha achega de 143.031 euros a mellorar os camiños municipais nos concellos de Marín, Bueu e Vilaboa. En total, nas bisbarras de Terras de Pontevedra e na zona norte do Morrazo ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023 a cantidade será de 588.073 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución para a comarca nunha visita á Vilaboa, onde supervisou as obras realizadas na aldea de Nores coa anterior convocatoria na compaña do xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, do alcalde, César Poza, e doutros representantes municipais, aos que confirmou que a dotación deste programa para o seu concello increméntase este ano nun 25% ata alcanzar os 48.966 euros.
“A Xunta prevé inxectar preto de 600.000 euros nesta bisbarra para a mellora das súas pistas municipais de uso agrícola, algo que é fundamental para axudarlles a facilitar a súa mobilidade interna e tamén a destinada a estas tarefas do campo. Ademais, a aposta pola colaboración cos concellos refórzase aínda máis, xa que a partida increméntase de xeito considerable, entre un 20% e un 30% en todos os casos, con respecto a 2021”, sinalou o representante autonómico.
En concreto, a resolución da Consellería do Medio Rural destina 72.041 euros ao Concello de Pontevedra, 45.726 euros a Marín, 48.339 euros a Bueu, 117.377 euros a Cerdedo- Cotobade, 50.697 euros a Campo Lameiro, 65.118 euros á Lama, 49.279 euros a Poio, 48.966 euros a Vilaboa, 47.006 euros a Barro e 43.164 euros a Ponte Caldelas.
Visita á mellora en Nores
Na súa visita ao municipio de Vilaboa, o delegado territorial acudiu a supervisar as obras de reasfaltado de pistas en Nores, que foron executadas coa achega íntegra de 39.249 euros do Plan Marco 2021-2022. Esta actuación consistiu na renovación do firme en diversos tramos, que se atopaban deteriorados pola antigüidade da capa asfáltica, a carga de tráfico e os efectos da meteoroloxía.
Ademais, o Concello da Vilaboa recibíu no último lustro, ao abeiro desta resolución da Consellería do Medio Rural, unha contía global de 261.000 euros, o que lle permitiu actuar en pistas de uso rural e agrícola de lugares como Portela, Larache, Magarella, Rotea, San Adrián, Bértola ou Santa Cristina de Cobres, entre outros.