O cabeza de lista subliña que o BNG apoiará a declaración da zona de Punta Balea como ENIL dende o novo goberno galego

O BNG pretende poñer en marcha un proxecto de posta en valor da contorna litoral e do patrimonio histórico industrial da zona de Massó en Cangas. Así o indicou hoxe o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, nunha andaina dende a fábrica de Massó ata a praia de Santa Marta na zona de Barreiras, na que estivo acompañada pola tamén candidata da comarca, Iria Villar, e as concelleiras Mercedes Giráldez (Cangas) e María Ortega (Moaña), ademais doutros militantes e simpatizantes.

Bará destacou que as antigas instalacións da conserveira son as máis importantes de Galiza como conxunto patrimonial industrial. Salientou que deberían ser “un grande emblema, un grande espazo para o concello de Cangas, para todo o Morrazo e para toda Galiza”, así como exemplo de atractivo para o turismo e eixo para a dinamización económica da zona.

O candidato destacou que o Plan de Turismo de Galicia 2015-2020 sinala que as principais ameazas que ten o país son o deterioro da paisaxe e do patrimonio, e subliñou que a zona de Cangas dende Massó á praia de Areamilla “é un bo exemplo disto polo desleixo e abandono das administracións, fundamentalmente do goberno galego e tamén por parte dos concellos”.

“Vemos como hai un impresionante patrimonio histórico industrial e natural que é un valor que é un auténtico tesouro que podería dar moitísima vida e xerar moita actividade económica e social mais está completamente abandonado”, insistiu.

Fronte a isto, destacou que para o BNG é fundamental que o binomio de patrimonio natural e patrimonio histórico-cultural estea coidado, protexido, conservado e dinamizado, e explicou que para acadalo, a forza nacionalista desenvolverá dende o novo goberno da Xunta un plan de posta en valor para o que xa están previstas ferramentas económicas para levalo adiante. Bará citou por un lado o Fondo Cultural Galego, que serviría para aportar recursos económicos para a recuperación do patrimonio histórico e cultural “deste espectacular exemplo que é a fábrica de Massó e todas as construcións anexas”.

Por outro lado, apuntou a existencia do Fondo de Conservación da Natureza, que serviría para impulsar proxectos de recuperación deespazos naturais, “neste caso para actuar nun espazo de litoral cunha riqueza paisaxística ambiental de fauna e flora impresionante”.

Por outra parte, Bará destacou que o BNG dende a Xunta colaborará e tratará de
impulsar o desenvolvemento dun ENIL (Espazo Natural de Interese Local) para a zona de Punta Balea poñendo en valor todos os recursos, se hai interese e un proxecto
definido por parte do Concello.

Na andaina, na que participaron tamén representantes de colectivos ecoloxistas, Luís Bará insistiu en que para o BNG é preciso rachar coas propostas fracasadas do Partido Popular e desenvolver un modelo de políticas sustentables e respectuosas co medio e a contorna.

Subliñou que é preciso abrir un tempo novo para Galiza da man dunha forza moderna, solvente e cunha líder como Ana Pontón, para o que é precisa unha grande mobilización o vindeiro 12X.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *