Prometeu a creación dunha verdadeira Consellería de Cultura con máis orzamento, a posta en marcha dun bono cultural, e a apertura dunha liña de crétido de Agadic e do IGAPE

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, ofreceu hoxe “un goberno a favor da cultura galega a partir do 12X da man do Bloque” nun encontro con persoeiros e persoeiras do mundo da cultura na comarca do Morrazo. O nacionalista, que destacou que o actual goberno da Xunta faille a contra ao sector continuamente, subliñou que é fundamental un xiro de temón que reactive a cultura de base e xere plans estratéxicos para recuperación estrutural do sector.

De cara ás eleccións galegas Bará apuntou que o BNG “propón un cambio galego e transformador” coa creación dunha Consellería de Cultura con máis orzamento, que supere o 0,8% que ten actualmente e con plans estratéxicos de apoio e reactivación para a cultura de base e para os sectores profesionais das letras e das artes escénicas da danza, música, audiovisual e as artes visuais .

Departamento de cooperación cultural

O nacionalista puxo sobre a mesa a necesidade da creación dun novo departamento de cooperación cultural para mellorar a colaboración coas asociacións e coas administracións locais, traballando na promoción e na proxección de iniciativas locais e comarcais como festivais de música e de teatro, literatura ou audiovisual, “que cada vez teñen máis forza e máis implantación, e que deben ser auténticas marcas de identidade e de calidade de orgullo do territorio, proxectándose fóra del”, insistiu.

O cabeza de lista tamén lanzou propostas concretas para facer fronte á crise provocada pola COVID-19 que levou á paralización inmediata para moitos sectores e profesionais da cultura, que viron como a programación para este verán se cancelou totalmente. A primeira das tres medidas concretas que nomeou foi a concesión de axudas directas a autónomos do ámbito da cultura como se aprobaron en practicamente todas as comunidades do estado agás en Galiza, “onde temos un goberno desaparecido e escapista”. Tamén sinalou a posibilidade de axudas
específicas como as postas en marcha en Cataluña e subliñou a importancia de que as administracións aposten pola cultura de quilómetro cero e de proximidade nun momento tan difícil.

En segundo lugar, Bará citou a posta en marcha do bono cultura para estimular o consumo con campañas de captación de públicos e promoción da cultura galega onde debe xogar un papel fundamental a televisión e a radio pública. En terceiro lugar, salientou a creación dunha liña de crédito especial de Agadic e IGAPE para pemes e profesionais e autónomos. Falou tamén da creación dun Fondo Social Galego, así como do Estatuto do Artista para ter cobertura social.

Medidas concretas como en Francia e Alemaña

“En definitiva, dixo, propoñemos que se declare a cultura como ben de primeira necesidade como alimento para a vida e o benestar colectivo. Pero non queremos unha declaración dun modo retórico, senón que se traduza en medidas concretas como aconteceu en Francia e Alemaña”, explicou, para engadir que a cultura é un sector a pesar das políticas negativas e contrarias do PP supón en Galiza un 2,5% do PIB e o 3% do emprego. “Merece un apoio decidido dun goberno que crea e que defenda a cultura galega no noso territorio e tamén a súa proxección internacional porque é un sector que ten potencial, capacidade, talento, creatividade e que pode medrar moito máis para xerar emprego, riqueza e benestar colectivo”, finalizou.

No encontro con Bará, no que participaron as concelleiras de Moaña, María Ortega; Merchi Giráldez de Cangas, e Xosé Leal de Bueu, estiveron tamén presentes Santiago Cortegoso (actor e director), Carmen Penin (música e escritora), JM Parcero (escritor), Tatán (Tanxarina Teatro), Helena Ramiro (Morrasound); Tensi Gesteira (creadora do blog Lecturafilia); Manolo Cobas (baile); Xan Campos (Festival CanJazz); Guillerme Ignacio (música); Xulia Feixoo (música); Marisa Núñez (Editorial Kalandraka); Rafa Malvar (Canteira Fest); Jordi Lauren (xestor cultural SonRías Baixas); Rafael Fernández (escritor); Miriam Ferradáns (poeta); Daniel e Victor de Satxa (músicos) e Conchi Pereiro (música- Os Saljariteiros). Todos eles expuxeron problemáticas concretas, así como a súa preocupación pola situación de redución de espazos nos que está presente a creatividade en galego.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *