César Poza atribúe ao traballo da Comisión de Seguemento un maior control do impacto social da pandemia no municipio
O Concello de Vilaboa agradece públicamente o traballo realizado pola Comisión de Seguemento da Covid-19, constituida en novembro do 2020 a proposta do BNG, xa que permitiu afrontar o peor da pandemia de xeito coordinado e cunha plena involucración de grupos municipais e institucións na loita contra o virus.
Ademáis dos tres grupos con representación municipal na Corporación de Vilaboa (PSOE, BNG e PP), na Comisión de Seguemento están representados os colexios de Riomaior e Toural, o CRA de Vilaboa, a Escola de Música e a escola infantil A Galiña Azul, contando en momentos puntuais coa incorporación de representantes do Sergas, dos Servizos Sociais municipais e da residencia Nova Vida.
Nas reunións mensuais que a Comisión veu mantendo desde o mes de novembro analizouse non só a situación sanitaria en cada unha das súas fases senón tamén as consecuencias sociais que a pandemia estaba a ter entre a veciñanza. O intercambio de información foi clave para que evitar que as consecuencias foran maiores. “Creouse un grupo de traballo unido no que se compartiron todo tipo de iniciativas e inquedanzas que facilitou afrontar o peor da pandemia dun xeito formidable”.
César Poza, alcalde de Vilaboa, amosa o seu agradecemento de xeito especial ás directoras dos centros educativos, “pola súa forza, pola súa enteireza e polo seu compromiso con Vilaboa xa que sin el posiblemente tiveramos rexistrado máis contaxios no noso municipio”.