Monte dos comuneiros de San Martiño.

César Poza destaca a importancia de contar en Vilaboa con persoas e equipos de traballo con iniciativa e gañas de traballar para que o municipio avance

O Concello de Vilaboa quere facer público o seu agradecemento á Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa xa que a súa constancia e tesón fixeron posible acadar un acordo que permitirá á veciñanza dispor dun tanatorio propio sen ter que desprazarse nun momento tan sensibles como é o pasamento dun ser cercano.

A próxima construcción do tanatorio é unha obra de gran envergadura que incrementará de xeito cualitativo os servizos que os veciños e veciñas de Vilaboa terán a súa disposición sen abandonar o término municipal de Vilaboa.

As instalacións, que contarán con dúas salas velatorias e unha de ceremonias, así como unha zona amplia de aparcamento e espazos axardinados, será unha realidade grazas ao empeño do conxunto dos comuneiros e comuneiras pero especialmente da súa xunta directiva. “Compraron os terreos ata xuntar os 4.200 metros que agora cederán á empresa que executará este proxecto. Esa primeira fase xa foi complexa nun municipio no que impera o minifundismo. Pero a directiva tiña claro cal era o seu obxectivo e continuou ata conseguir a superficie necesaria”.

César Poza, alcalde de Vilaboa, recoñece que a valentía dun equipo directivo que dende o primeiro momento asumiu o reto de liderar unha iniciativa ambiciosa. “Estamos satisfeitos de ter en Vilaboa persoas e equipos de traballo con capacidade de xestión, con decisión e moitas gañas de loitar para que o noso municipio avance”. César Poza reitera o seu respaldo a este proxecto e a felicitación á xunta directiva dos comuneiros de San Martiño en nome de todo o equipo de goberno.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *