César Poza participou nunha reunión de traballo co profesorado responsable desta iniciativa, na que están dous dos tres centros educativos de Vilaboa
O alcalde de Vilaboa, César Poza, mantivo esta mañán unha reunión de traballo co profesorado responsable do programa “Observa Acción”, da Consellería de Educación, e no que están participando dous dos tres centros educativos de Vilaboa: o CRA de Vilaboa e o CEP Riomaior.
Trátase dun programa de observación docente no que o profesorado vilaboés entra nas aulas do centro asignado, co que intercambiará boas prácticas docentes durante un máximo de 2 días, mentres actuará como mentor e observador, compartindo, colaborando, reflexionando, observando e formándose mutuamente. En concreto o CRA de Vilaboa traballa nas competencias dixitais na educación e transformación de centros e a competencia en innovación e investigación.
Este encontro, que se celebrou no Concello coa presenza do alcalde, a directora do CRA María Concepción Pérez Núñez e o responsable do programa Borja Varela Paz, e de xeito telemático a directora do CEP Riomaior María del Carmen Negro, permitiu a César Poza coñecer a realidade dunha aula e compartir experiencias, información e proxectos en materia de tecnoloxía e innovación educativa.
Posteriormente o alcalde participou nunha actividade na emisora escolar creada pola comunidade educativa do CEP Riomaior.