Santos e Giráldez (nos extremos) xunto aos deputados, Paulo Ríos e Montse Prado, e responsables do BNG na comarca.

O BNG pedirá no Parlamento unha comisión de investigación para coñecer que ocorreu no últimos tres casos ocorridos en Moaña e solicitará que se depuren responsabilidades

«Non imos consentir nin unha morte máis», advirte a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, en relación aos tres falecementos da última semana no municipio sen recibir unha atención apropiada pola falta dunha ambulancia de reforzo na comarca e que cualificou de «política sanitaria neglixente» por parte da consellería de Sanidade. Refírese á morte dun veciño de 44 anos en O Latón o pasado día 3 de xaneiro e dúas veciñas máis o domingo 9 en Samertolameu e Tirán. Palabras que referenda tamén a portavoz do BNG de Cangas, Mercedes Giráldez, quen afirma que estes casos non son illados e que isto está a ocorrer en ambas as localidades desde 2010 cando xa reclamaban a necesidade deste vehículo de reforzo nas emerxencias da comarca e que 12 anos despois aínda non se conseguiu e que, ademáis, a situación foi a peor.

Pero esta demanda é aínda máis evidente en pandemia co traslado das urxencias de Moaña ao PAC de Cangas e o peche do centro de saúde de Moaña polas tardes. Isto súmase á xa escaseza de medios e provoca un «atraso nos tempos de reacción» que repercute directamente nas probabilidades dos cidadáns de continuar con vida. «Ao veciño de O Latón negóuselle a oportunidade de vivir e isto é gravísimo, intolerable, inhumano, indecente e inconstitucional», cualificou Santos, quen acusou á Xunta de realizar estas «manobras orquestradas e organizadas» contra a saúde das persoas do Morrazo.

Comisión de investigación no Parlamento

Tanto Santos como Giráldez realizaron estas declaracións no acto convocado polo BNG comarcal para anunciar que presentará unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que propoñerá abrir unha investigación sobre o ocorrido nestes tres últimos falecementos de Moaña para que se depuren responsabilidades.

O deputado comarcal, Paulo Ríos, e a deputada Montse Prado, criticaron duramente a política sanitaria do PP no Morrazo e acusaron a Sanidade de «irresponsable» por permitir a precariedade que se vive na Atención Primaria tanto de Cangas como de Moaña. «Está en xogo a saúde e a vida das persoas», lembrou Prado.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *