O vehículo tras un accidente no corredor de Marín.

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de poñer en marcha unha nova campaña de concienciación en materia de seguridade viaria. Baixo o lema ‘Non deixes que a túa vida quede na estrada’, a campaña pon o foco nas consecuencias que poden supoñer as condutas irresponsables ou as imprudencias ao volante.

A nova campaña de sensibilización da Xunta busca concienciar á cidadanía do que se pode chegar a perder nun segundo por un despiste ou unha conduta inaxeitada ao volante.

A través dun spot audiovisual, cuñas radiofónicas e distintas propostas gráficas, preséntanse á cidadanía distintas situacións da vida normal dunha familia que se ve truncada nuns instantes por un accidente de tráfico. Sen recorrer á imaxes de accidentes dramáticas, a campaña de sensibilización traballa con elementos suxestivos que trasladan a través dunha simple imaxe -como unhas fotos, un móbil, unha mochila cun ordenador ou un boneco estrados na vía-, o que pode cambiar a vida en poucos segundos por un despiste ou imprudencia ao volante. Así, a campaña fálanos dos efectos prexudiciais do consumo de alcohol, do uso do móbil cando se está conducindo, sobre as consecuencias do exceso de velocidade ou de non levar posto o cinto de seguridade.

Esta campaña desenvólvese tendo moi en conta os datos de sinistralidade nas estradas, que apuntan a unha certa relaxación de condutas na estrada no uso do cinto, nas distraccións co móbil ou no consumo de alcohol e drogas.

Campañas de sensibilización nos últimos anos

Esta nova campaña de sensibilización en materia de seguridade viaria vense sumar ás que realizou a Xunta nos últimos anos. Así, en 2017 e 2019, púxose en marcha unha campaña de concienciación centrada nas
distraccións ao volante, tendo en conta que estas se converteran na primeira causa recorrente de sinistralidade en Galicia nese momento. Tamén a Xunta lanzou a campaña ‘Metro e medio’ no ano 2018 co obxectivo de sensibilizar sobre o respecto na estrada entre condutores e ciclistas, un colectivo vulnerable con crecente presenza na estrada. En 2020, e no contexto de pandemia, buscouse advertir aos condutores de que na desescalada co confinamento seguía a ser necesario conducir de modo seguro.

Nos últimos anos, a campaña de concienciación en materia de seguridade viaria da Xunta estivo centrada en transmitir a fraxilidade das persoas usuarias da estrada, en especial dos peóns, e a necesidade de adoptar unhas sinxelas medidas para a seguridade propia e dos demais, como facerse ver co uso de prendas reflectantes.

Tamén os nenos foron obxecto de actividades divulgativas e de concienciación coa campaña ‘O corazón está do teu lado’, que levou hábitos responsables nas estradas por moitos colexios de Galicia. Os cativos aprenderon con actividades amenas a relevancia de empregar as sendas peonís, camiñar polo lado do corazón, cruzar nos pasos de peóns ou facerse ver o máximo posible ante os vehículos que circulan pola vía.

Obxectivo acadar a “visión cero”

O TCA construido na PO-551 entre Bueu e Marín para mellora da seguridade dos condutores e dos peatóns.

A nova campaña de concienciación da Xunta forma parte do Plan de Seguridade Viaria 2022-2025 que ten como obxectivo acadar a “visión cero”, é dicir, reducir ao mínimo posible as vítimas de accidentes e acadar a meta final de cero vítimas por sinistros nas estradas.

Este Plan, que é a folla de ruta do Goberno galego no eido da seguridade viaria para os vindeiros anos, foi recoñecido como referencia nacional polo Observatorio Nacional de Seguridade Viaria.

O programa recolle dúas metas estratéxicas, unha delas diminuír o 25% do número de falecidos e feridos graves nas vías interurbanas e nas travesías, con respecto a 2019. O outro fito é reducir o 25% dos falecidos e feridos graves en usuarios vulnerables como os peóns, ciclistas ou motoristas.

Para acadar estes obxectivos, o Goberno galego ten en marcha distintas accións específicas que abarcan todos os ámbitos que afectan á seguridade viaria: a mellora das infraestruturas, a promoción da educación e formación viaria, o bo estado do vehículo ou a priorización da seguridade viaria no lugar de traballo.

No que se refire ás intervencións en marcha, a Xunta segue a avanzar no desenvolvemento da Estratexia para a eliminación de tramos de concentración de accidentes existentes na rede de estradas autonómicas: leva mobilizados preto de 17 miillóns de euros que permitiron reducir case 50 km de puntos negros nas estradas autonómicas, diminuíndo a accidentalidade en máis dun 60%. Agora está a avanzar na elaboración dunha nova Estratexia de eliminación de treitos de concentración de accidentes baseándose nos identificados no ano 2021.

A Xunta segue tamén a apostar por unha mobilidade peonil e ciclista máis segura e sostible, coa construción de novas sendas, tres ter habilitado máis de 300 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas nas estradas autonómicas nos últimos anos, cun investimento que supera os 50 millóns de euros, impulsando tamén grandes eixes de mobilidade nas contornas das cidades ao abeiro dos fondos Next Generation.

Tamén se están a desenvolver intervencións para reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nas paradas de autobús situadas nas vías de titularidade da Xunta, unha iniciativa dirixida aos usuarios máis vulnerables das estradas, os peóns, coa que se está a actuar en 1.100 paradas de autobús cun investimento de 35 millóns de euros.

Impúlsanse, ademais, obras específicas para a eliminación de obstáculos nas estradas que teñen como obxectivo conseguir “estradas que perdoan” os erros que cometemos e dan unha segunda oportunidade de volver á estrada e evitar sinistros. Unha iniciativa que se reforzará nos vindeiros anos a través dunha Estratexia de actuación nos treitos de alto potencial de mellora.

Ademais, nos últimos anos a Xunta vén apostando por unha medida eficaz para a conservación dos máis de 5.500km de estradas autonómicas: o Plan de reforzo de firmes, co que nos últimos sete anos se levan licitado obras que superan os 140 M€. No que vai de ano a Administración galega licitou traballos de mellora do firme nas estradas autonómicas por un importe que supera os 20 millóns de euros.

Tamén tendo en conta os efectos do cambio climático e a necesidade de manter as vías en condicións para reducir riscos, a Xunta está desenvolvendo liñas pioneiras como o programa de inspeccións nas pontes e obras de paso, ademais de en muros e noiros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *