O presidente da Deputación cos representantes das confrarías.

A Deputación de Pontevedra permitirá subvencionar, con carácter excepcional en 2024, o gasto corrente das confrarías de pescadores na vindeira orde de axudas do goberno provincial, dotada cun orzamento inicial de 250.000 euros. Deste xeito, ademais de destinar os recursos a executar investimentos, estas entidades poderán empregar as contías para afrontar gastos ordinarios. Con esta novidade, demandada amplamente polo sector, a Deputación quere amosar o seu apoio a un colectivo que está a atravesar dificultades pola caída, principalmente, da produción do marisqueo.

O presidente provincial, Luis López, encabezou este martes un encontro de traballo coa Federación Provincial de Confrarías e con representantes de 22 entidades, orientado precisamente a facer achegas a orde de axudas. “Temos o obxectivo de mellorar e escoitar as vosas aportacións porque vós coñecedes os problemas que vos afectan mellor ca ninguén”, afirmou Luis López durante unha reunión no que tamén participou o deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola.

Neste sentido, ao tempo que reafirmou o seu aprecio por un sector fundamental para Pontevedra, o presidente da Deputación deixou claro aos mariscadores e pescadores da provincia que o actual goberno
provincial si vai abrir as portas ás entidades e escoitar as súas demandas, en tanto que son un socio vital para manter a economía e o emprego da provincia.

Deste xeito, o mandatario provincial amosou a súa preocupación pola delicada situación que atravesa o marisqueo na provincia. As chuvias do inverno baixaron a salinidade das augas e os lodos e sedimentos arrastrados polas riadas provocaron unha elevada mortaldade do marisco en campañas chave como a do Nadal. “Sodes un sector co que me sinto identificado”, recoñeceu o presidente, quen xa mantivera unha reunión co presidente da Federación Provincial de Confrarías, Jose Manuel Rosas, o pasado mes de xullo, só uns días despois da súa toma de posesión como presidente da Deputación.

O encontro rematou coas intervencións dos representantes dos traballadores, que trasladaron ao presidente as principais necesidades que presentan estas confrarías e das que Luis López tomou nota para tratar de contribuír a buscar solucións a estes problemas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *