Rego co Patrón Maior de Bueu, Xosé Manuel Rosas, o Alcalde e os concelleiros e deputado polo BNG.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego mantivo un encontro con representantes dos sector pesqueiro do Morrazo en Bueu, no que estiveron tamén presentes o alcalde Félix Juncal, os concelleiros e concelleiras Xosé Leal, Ana Otero, José Moital e Silvia Carballo e o deputado no Parlamento Galego Paulo Ríos. Nesta xuntanza, puxeron en común as principais necesidades do colectivo e trataron as iniciativas que a fronte nacionalista levou ás distintas institucións nas que ten presenza na defensa dos intereses do sector pesqueiro. Fixeron especial fincapé na iniciativa que reclama a baixada do IVE aplicábel aos produtos pesqueiros até o tipo superreducido de 4% que debera aplicarse ao peixe e marisco como produto de primeira necesidade.

“A adopción desta rebaixa no Imposto sobre o Valor Engadido axudaría a manter o consumo dos produtos do mar agora que a crise afecta gravemente á situación económica das persoas” explica Rego e, ademais, “serviría como medida para impulsar unha dieta equilibrada e saudábel para toda a poboación, que tería un mellor acceso ao peixe e marisco se o prezo é máis asequíbel debido á baixada de impostos”. Ademais de proposicións no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados, tamén será debatida unha moción neste mesmo sentido no Pleno do Concello de Bueu.

Así mesmo, no encontro co sector trasladáronse outras iniciativas que o BNG está a defender como son as referidas ao Regulamento Europeo de Control pesqueiro, que afectaba moi negativamente ás embarcacións de baixura e artesanais, e que agora foi modificado en parte grazas á contestación social.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *