O Concello de Moaña presenta unha nova edición do programa das Letras Galegas cunha ampla proposta cultural que combina música, literatura e tradición, e que este ano rende homenaxe á figura da xornalista Begoña Caamaño.
As actividades arrincan o domingo 10 de maio coa XXI Feira Ecoartesá de Primavera, unha cita xa consolidada que encherá de actividade o entorno do palco da música, con obradoiros, postos de feira e actuacións musicais. Entre as principais novidades desta edición destaca a estrea do concerto “O círculo das ausencias”, a cargo da Escola da Música Tradicional de Moaña, dirixida por Manuel Carballo. Esta proposta contará coa participación de 17 persoas músicas e poderá gozarse o venres 15 de maio pola noite no alto da praza de abastos, consolidándose como unha das apostas máis destacadas do programa.
Outra das incorporacións relevantes é “Ritual”, un festival pensado especialmente para a mocidade que terá lugar na noite do sábado 16 de maio. O evento reunirá grupos e DJs con música urbana en galego, ofrecendo un espazo festivo e actual que busca conectar co público máis novo e poñer en valor a lingua galega tamén nos novos estilos musicais.
O programa complétase con múltiples actividades como o concerto “Cancións Begoñísimas” de Uxía, o espectáculo “Rechouchío” con A Xanela do Maxín, e o Festival de Coros Letras Galegas, que se desenvolverá en dúas xornadas. Ademais, o sábado 16 celebrarase “Serán das Letras” no Adro dos Milagres.

