A Xunta de Goberno de Moaña aproba a contratación e licitación do proxecto técnico da obra de acondicionamento e mellora de accesibilidade e eficiencia enerxética do pavillón de A Xunqueira, na que o executivo local investirá 250.567,59 euros a cargo do Plan Concellos 2022-2023.
Segundo informa a concelleira de Deportes, Dolores Chapela, xa se procedeu á autorización do gasto e abriuse o período que teñen as empresas para presentar as súas ofertas. O prazo finalizará o próximo 16 de maio. Posteriormente, será a Mesa de Contratación prevista para o 19 de maio a que se encargará de abrir os sóbres coas propostas económicas para designar á empresa que levará a cabo a obra, que se prevé que dure un mes e medio.