Estado no que quedará o pavillón tras a reforma.

O proxecto xa foi presentado aos coles e aos clubes usuarios e está aberto a melloras

O Concello de Moaña realizará unha reforma integral do pavillón da Xunqueira, xunto aos colexios de Reibón e de Seara, para poñer fin ás continuas queixas dos clubs sobre o mal estado no que se atopa. De todas as instalacións deportivas municipais é a que conta con máis deficiencias. As que máis afectan os clubs que o utilizan e ao propio centro escolar son as filtracións de auga cando chove e a alta condensación no interior.

A humidade do teito e da fachada.

Para iso, illaranse as fachadas e repararanse os teitos. Tamén se eliminarán barreiras arquitectónicas nos baños para facelos máis accesibles, mellorarase o estado dos vestiarios, adecuaranse as bancadas, cubrirase a pista dunha resina especial e instalaranse portas de seguridade. En total, menos de dous meses de obras que supoñen un investimento de 250.567 euros para os que o goberno local está a buscar financiamento. A idea da concelleira de Educación e Deportes, Dolores Chapela, é comezar cos traballos este verán para que non afecten o curso escolar pero isto dependerá do período de licitación do contrato.

Imaxe do pavillón recollida no proxecto.

Chapela afirma de que este proxecto de reforma integral aposta polo «aproveitamento» e a «reparación» daqueles materiais que aínda sexan válidos. Isto supoñerá un aforro e, ademais, unha redución no tempo de execución.

A alcaldesa, Leticia Santos; a tenente de alcaldesa, Marta Freire; e a edil reunironse estes días coas direccións dos dous centros escolares situados nas inmediacións, Reibón e Seara, así como coas entidades deportivas usuarias do pavillón para darlles a coñecer ou proxecto e explicar como se vai levar a cabo a reforma que está aberta a achegas de carácter menor dos clubs e os centros escolares que poidan mellorar o exposto.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *