O concelleiro de Medio Ambiente de Moaña, Odilo Barreiro, recolleu hoxe en Lugo por segundo ano consecutivo a Bandeira Verde que concede a consellería que dirixe Ángeles Vázquez. Para Barreiro, como representante do goberno local, «o maior galardón é conseguir desenvolver políticas de eficiencia enerxética, mobilidade, residuos, urbanismo e de protección do patrimonio natural que converten a Moaña nun lugar amable e respectuoso co Medio Ambiente».
Nun acto ao que acudiron os nove municipios restantes galardoados, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou o bo facer en materia ambiental de Moaña e de Porto do Son ao ser os dous concellos que revalidan o distintivo tras recibilo en 2020.
O devandito recoñecemento, creado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, estaba aberto a todos os concellos de Galicia que desenvolveran actividades relacionadas coa ordenación territorial, a protección do medio ambiente, o cambio climático, a eficiencia enerxética, a xestión responsable dos residuos, así como accións de sensibilización e comunicación para concienciar aos veciños da importancia de actuar e avanzar nestes eidos.
Deste xeito, distínguese ás entidades locais máis dinámicas neste eido, desenvolvendo boas prácticas para o coidado da súa contorna, o respecto á paisaxe, a redución das súas emisións de CO2, o fomento da correcta xestión do lixo, a adopción de medidas para garantir a integridade e limpeza de espazos de interese, a posta en valor de monumentos naturais ou a redución do consumo enerxético.
Con estes galardóns, o Goberno galego quere premiar a aqueles concellos que destacan polas súas boas prácticas ambientais de conservación e protección da paisaxe, ao tempo que se converte nunha correa de transmisión entre o traballo que fan as administracións locais e a implicación da cidadanía.