A Autoridade Portuaria de Vigo procederá á reparación do firme do vial que da acceso á zona portuaria da Borna, en Moaña, ao longo da próxima semana. Salvo imprevistos ou inclemencias meteorolóxicas que impidan a execución dos mesmos, a reparación terá unha duración aproximada de 3 días.
Os traballos de reparación restrinxiranse á parte do vial incluído na zona de servizo da Autoridade Portuaria de Vigo. Durante a súa execución, a zona deberá atoparse libre de vehículos estacionados ou en tránsito, para o que a institución olívica solicita a colaboración do Concello de Moaña para poder restrinxir o acceso á devandita zona por parte de particulares, en coordinación cos servizos da Policía Portuaria. De igual forma, o organismo que preside Vázquez Almuiña solicita a máxima colaboración por parte dos usuarios para compatibilizar as devanditas obras coa actividade na zona.
Os traballos, adxudicados a Construcións Fechi S.L.U., consistirán nun fresado parcial do firme existente e a extensión dunha capa de aglomerado asfáltico en toda a superficie de actuación, así como a colocación dos servizos afectados a cota de nova pavimentación nunha superficie total duns 1.300 m 2 .
Nos últimos tempos usuarios e empresarios da zona dirixíronse ao Concello de Moaña para que intermediase coa Autoridade Portuaria no arranxo do vial polo seu mal estado.