Con este diñeiro o Concello contratará unha asistencia técnica para levar a cabo as tarefas que permitan crear o PACES que, despois, deberá recibir o visto e prace do pleno
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático notifica ao Concello de Moaña a concesión dunha axuda para a asistencia técnica na elaboración dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES). A axuda concedida ascende a 8.990,30 euros e cubre o 100 % da contía solicitada.
Grazas a esta subvención, o concello de Moaña procederá á contratación dunha asistencia técnica para a execución de tarefas coas que lle vai permitir acadar o obxectivo de elaborar e presentar o PACES municipal. Un documento final que, unha vez aprobado polo pleno da corporación, servirá como folla de ruta na loita contra o cambio climático no Concello.
O Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía (Covenant of Mayors for Climate & Energy) consiste nunha iniciativa europea na que os gobernos locais e rexionais comprométense de forma voluntaria a implantar no seu territorio os compromisos en materia de clima e enerxía da UE. Esta iniciativa constitúe un movemento en continua evolución, que inclúe actualmente máis de 10.000 autoridades locais e rexionais adheridas de 60 países, todos eles cunha visión común para o ano 2050.
O 30 de xullo de 2020, o Concello de Moaña adheriuse formalmente o Pacto das Alcaldías mediante a sinatura do compromiso de aliñarse cos obxectivos da Unión Europea para o ano 2030.
O documento partirá dunha estratexia, visión e obxectivos e análise do contexto actual, e incluirá un inventario de emisións de referencia (IER), as medidas de mitigación e unha análise de riscos e vulnerabilidades e as medidas de adaptación.
Todo o traballo contará cun proceso de participación cunha dobre vertente. Por un lado un proceso de participación interno e polo outro externa no que se buscará a implicación da veciñanza, asociacións de comerciantes e colectivos sociais en xeral.