O Sergas responde así o escrito plenario remitido polo Concello no que se instaba a devolver o servizo de Cangas ao PAC de Moaña. A Mesa Local da Sanidade xa prepara mobilizacións como anunciara fai unhas semanas
O xerente da área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, xa contestou á corporación municipal de Moaña despois de que no pleno do pasado mes de outubro se acordase por unanimidade, a pedimento da Mesa Local da Sanidade, instar á consellería de Sanidade a devolver as urxencias de Cangas ao PAC de Moaña do mesmo xeito que estaban antes da pandemia. «Cremos que, polo momento, a opción máis factible e eficiente para a atención das urxencias, dado que aínda seguimos sometidos á rixidez provocada pola situación preventiva, é a actual», indica no escrito remitido hoxe á alcaldesa, Leticia Santos, como presidenta da cámara local.
Ao longo da carta, Puente alega, ademais do Covid-19, as boas conexiones para desplazarse entre Moaña e o centro de saúde de Cangas. «A localización conxunta actual», di, permite a atención ás persoas dentro dun «rango temporal inferior a 30 minutos» e que «dispón dun fácil acceso á vía de altas prestacións do Morrazo de forma que facilita a súa conexión coas urxencias hospitalarias».
O escrito tamén deixa entrever que as urxencias non regresarán máis ao PAC de Concepción Arenal debido a que Puente lembra o compromiso da Xunta co Concello para construír o novo centro de saúde de Sisalde «onde terán cabida espazos destinados para a atención do paciente urxente en condicións que respecten as medidas de seguridade tanto para pacientes como para profesionais».
Ameaza de mobilizacións
A resposta do Sergas pon en marcha a maquinaria que a Mesa Local dá Sanidade xa anunciara en caso de non atenderse a petición. Levarán a cabo mobilizacións ata conseguir que devolvan o servizo, ademais dunha campaña de recollida de firmas e a solicitude dunha reunión co conselleiro de Sanidade. «Mobilizándonos conseguimos que abrisen o PAC polas tardes, tamén a construción do novo centro de saúde de Sisalde e agora faremos o mesmo para que nos devolvan as urxencias», avisa a Alcaldesa.