A ONG IGAXES lanzou a campaña Non Nos Xulgues, que pretende acabar cos prexuízos sociais que afectan as máis de 1.000 nenas, nenos e adolescentes que
viven en centros de protección de Galicia. As persoas mozas que medran nun centro de menores non son máis conflitivas, nin menos estudosas ou traballadoras ca o resto da xuventude. A única razón pola que viven baixo a tutela do sistema público de protección é porque non contaron cun fogar seguro no que crecer. Aínda así, parte da sociedade continúa a xulgalas, colocándolles etiquetas inxustas que pesan e discriminan.

Coa campaña de sensibilización Non Nos Xulgues, coa que colabora o Concello de Moaña preténdese achegar á veciñanza a realidade destas crianzas e adolescentes de primeira man: a través das súas historias, con eles e elas como únicas protagonistas. O sitio web nonnosxulgues.gal permite facer unha visita virtual a un centro tutelado e coñecer as historias das mozas e mozos que alí viven.

IGAXES é desde 2005 a organización responsable de desenvolver o programa Mentor, financiado polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia, que acompaña a mocidade tutelada no seu camiño cara á vida independente. Estas mozas e mozos poden permanecer nas vivendas Mentor ata os 21 anos -mesmo ata os 25 en casos excepcionais-, pero a súa idade media de emancipación son os 19 anos.

Nas vivendas tuteladas, e baixo o apoio de profesionais socioeducativos, estes mozos e mozas prepáranse para a vida adulta. É un proceso contra o reloxo, porque cando sexan maiores de idade terán que dar o salto á vida adulta sen apenas rede de apoio.

Cando saen do sistema de protección non teñen unha familia á que volver. Por iso atopar un posto de traballo é vital para as persoas tuteladas. Se non logran un traballo ou o perden, o seu risco de exclusión pode multiplicarse severamente. A estas dificultades únese unha barreira máis: a desinformación e os prexuízos provocan que a estes mozos e mozas se lles asignen etiquetas inxustas. Parte da sociedade aínda pensa que medraron en centros porque fixeron algo malo ou porque son persoas conflitivas, cando a verdadeira razón é que as súas familias non puideron ou non souberon coidalas. Este estigma é un peso engadido ás cargas que xa soportan.

Na web interactiva www.nonnosxulgues.gal, algúns destes mozos e mozas narran as súas propias experiencias e abren as portas da súa casa, coa única vontade de compartir a súa realidade e derrubar prexuízos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *